O Concello de Lugo crea un operativo para recoller as doazóns cos afectados de Valencia

LugoXa
As persoas interesadas en colaborar como voluntarias poden inscribirse a través do correo electrónico voluntariadolugo@lugo.gal ou presencialmente, a partir do martes, no Centro Social Uxío Novoneyra
todos-con-valencia
2 Nov 2024

O Concello de Lugo acaba de poñer en marcha un dispositivo de emerxencia en resposta á solicitude de axuda trasladada pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) co obxectivo de canalizar a solidariedade dos lucenses e ofrecer unha vía segura para colaborar coas persoas afectadas polo temporal. O operativo está coordinado pola Alcaldía en colaboración coa concellería de Benestar Social e Maiores e comezará a funcionar este luns, involucrando tanto á Oficina Municipal de Voluntariado como ao Centro Social Díaz Castro.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou que "o Concello quere servir de canle para que todas as persoas interesadas poidan colaborar de forma segura e efectiva, ben a través do voluntariado, ben mediante a doazón de produtos de primeira necesidade." Ao respecto, e para garantir que a axuda chegue ás persoas realmente afectadas, o Goberno local recomenda colaborar unicamente a través de organismos oficiais e evitar doazóns a empresas ou organizacións non recoñecidas, debido a que se teñen rexistrado casos de posibles estafas.

Alvarellos expresou tamén o fondo pesar do Concello de Lugo pola situación en que se atopan as persoas afectadas pola DANA. "Estamos conmovidos polo impacto desta catástrofe, e queremos expresar a nosa solidariedade con quen sufriu esta desconsoladora situación e tamén o recoñecemento aos equipos de emerxencia que están a traballar incansablemente nas zonas máis prexudicadas."

Dúas vías de colaboración dispoñibles: voluntariado e doazóns

As persoas interesadas en colaborar teñen á súa disposición dúas modalidades. Por unha parte a de voluntariado: a Oficina Municipal de Voluntariado articulará un rexistro de voluntarios para axudar na recepción e clasificación das doazóns. Quen queira sumarse a este labor poderá facelo a través do correo electrónico voluntariadolugo@lugo.gal ou presencialmente, a partir do martes, no Centro Social Uxío Novoneyra, en horario de 09:00 a 14:00 horas.

En doazóns de produtos o Concello habilitará o Centro Social Díaz Castro para recibir doazóns de produtos de primeira necesidade que a FVMP solicitou, como auga, leite, fiambres, pan, pan de molde, latas de atún, artigos de hixiene persoal e doméstica, cueiros e compresas. As persoas que desexen doar poderán facelo de luns a venres, de 16:30 a 20:30 horas.

OUTROS CONCELLOS

Seguindo a liña de colaboración e solidariedade aberta en Galicia, a práctica totalidade dos concellos da comarca, así como colectivos sen ánimo de lucro, veñen de iniciar diferentes campañas de recollida de alimentos básicos non perecedeiros como auga, leite, pan de molde, latas de conservas, embutido en barra que non necesite frío... e artículos de hixiene persoal e doméstica, como cueiros e compresas. Nalgúns casos tamén se está a recoller roupa.

En cada concello o sistema de recollida é diferente polo que o recomendable e informarse en cada un de como proceder.

A Generalitat Valenciana creou tamén unha conta solidaria para apoiar aos afectados pola DANA. Poden realizarse doazóns na conta ES94 0081 0693 6100 0242 3445.

0.215735912323