O Concello de Lugo dá por regularizado o servizo de augas

LugoXa
A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sinalou que a cobertura de todas as prazas de lectores foi clave para resolver a situación.
auga abastecemento limpeza 3
28 Oct 2021

O Goberno de Lara Méndez dá xa por regularizada a situación no departamento de Augas, logo de acadar no segundo trimestre de ano e posteriores a lectura total de contadores de todos os blocs nos que se divide a cidade, efectivizando así a cantidade de 65.188 lecturas.

A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou hoxe durante o Pleno que “a normalización do servizo chega da man da cobertura de todas a prazas contempladas na RPT para o posto de lector co que se conseguiu dimensionar axeitadamente esta área”.

A tenente de alcaldesa sinalou, así mesmo, que “a consecución de todas esas lecturas supuxo unha diminución do número de reclamacións presentadas pola cidadanía que nese segundo trimestre foron 21, das que a meirande parte xa están resoltas”.

Alvarellos Fondo indicou que naqueles casos nos que as estimacións realizadas supuxeron un incremento incorrecto da factura da auga, a Administración local procederá a compensar esa diferenza nas sucesivas liquidacións ao tempo que lembrou que foi o propio Executivo o que, en canto se detectou esta problemática, animou á veciñanza a iniciar o procedemento de reclamación.

“Á carencia en materia de efectivos, que xa foi paliada, sumáronse os condicionantes da covid que durante moitos meses impediron que se puidesen facer as medicións reais en todos os edificios porque non sempre os aparatos están en lugares comúns ou accesibles do inmoble. Pero, en calquera caso, a estimación é un mecanismo legal e previsto nas propias Ordenanzas Municipais que nos permite realizar o cobro da taxa dunha forma propocional e axustada aos consumos anteriores rexistrados en cada domicilio”, subliñou a edil.

“Ese cálculo aproximado resultou erróneo nun total de 240 vivendas, das 65.188 das que se compón o padrón da auga, casos que agora se están analizando para proceder á súa regularización”, informou Paula Alvarellos e engadiu que, nestes momentos, a área de Facenda Local traballa, alén, na modificación da Ordenanza reguladora para incorporar ao texto con maior claridade os supostos nos que se admite a devandita estimación así como o procedemento que se aplica.

A pesar de que se trata dunha porcentaxe moi pequena de afectados (0’36%) o equipo de Goberno reitera as súas desculpas polas molestias ocasionadas á cidadanía que se viu prexudicada por esta situación e insiste en que está tratando de resolver as incidencias á maior brevidade posible.

0.17114114761353