O Concello de Lugo dá un novo paso cara a implantación da Zona de Baixas Emisións (ZBE)

Tras a culminación das obras de peonalización incluídas no proxecto Corazón Verde, o Concello de Lugo dá un novo paso cara a implantación da Zona de Baixas Emisións (ZBE), que se aplicará exclusivamente ao recinto intramurallas. Unha das medidas máis relevantes é a tramitación anticipada das autorizacións de acceso, coa intención de axilizar o proceso e permitir unha mellor adaptación cidadá cando entre en vigor a nova ordenanza.
Dende finais de 2024, está aberto un proceso para recoller as matrículas de residentes, usuarias, usuarios e empresas que operan no Centro Histórico. Ata o momento, o Concello xa dispón de 2.014 expedientes en tramitación, moitos deles con máis dun vehículo asociado, o que augura unha posta en marcha máis fluída do sistema de control por cámaras. Este proceso continuará aberto durante tres meses máis, polo que o Goberno local anima á cidadanía a seguir presentando as súas solicitudes para evitar esperas ou problemas cando a ordenanza sexa efectiva.
O seguinte paso será a implementación dun novo plan de tráfico, que servirá como antesala ao definitivo, unha vez se solucionen as pequenas deficiencias detectadas polos técnicos nas recentes obras de peonalización. Unha vez aprobada a ordenanza que regulará a ZBE, os itinerarios definitivos comezarán a funcionar e abrirase un período de seis meses no que se notificarán as infraccións sen aplicar sancións, co obxectivo de facilitar unha transición ordenada e sen sobresaltos.
O Concello destaca o traballo feito con previsión e participación cidadá. Ademais da consulta pública aberta no último trimestre de 2024, promovéronse encontros con asociacións veciñais, comerciantes, hostaleiros, empresas de distribución e profesionais do transporte, cuxas achegas están sendo incorporadas ao borrador da nova normativa. Nos vindeiros días, o alcalde iniciará unha nova rolda de contactos co tecido asociativo para pechar os últimos detalles antes da aprobación definitiva.
O proxecto Lugo Corazón Verde, din, non só renovou espazos urbanos, senón que puxo o foco na mobilidade peonil e na posta en valor do patrimonio, cun modelo de cidade pensado para as persoas e adaptado aos retos ambientais. A ZBE, pola súa parte, responde á obriga legal da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, que esixe a cidades de máis de 50.000 habitantes crear áreas con restricións ao tráfico máis contaminante, mellorando así a calidade do aire e favorecendo un modelo urbano máis sostible.