O Concello de Lugo decreta tres días de loito oficial polo falecemento do concelleiro Pablo Permuy

LugoXa
A Corporación municipal lembra a súa entrega no labor público e o seu compromiso coa cidade
pablo_permuy_lugo
25 Sep 2025

Desde o Concello de Lugo expresaron o seu fondo pesar polo falecemento do concelleiro Pablo Permuy Villanueva, acontecido nas últimas horas. A Corporación municipal e o equipo de Goberno lamentaron esta perda irreparable e trasladaron o seu acompañamento á familia, amizades e compañeiros nun momento de enorme dor para a cidade.

Desde a súa incorporación á Corporación en 2023, Pablo Permuy asumiu con responsabilidade algunhas das áreas de maior relevancia do Goberno local, como Economía, Persoal, Contratación e Patrimonio. A súa traxectoria profesional vinculada á xestión económica no Sergas e a súa ampla experiencia no mundo do deporte, especialmente no balonmán, avalaron sempre a súa seriedade, temperanza e capacidade de diálogo.

No exercicio do seu labor público destacou pola proximidade e pola vontade de construír consensos, cualidades que lle permitiron gañarse o respecto e o aprecio tanto no ámbito político como no persoal. O seu paso polo Concello deixa unha pegada imborrable, tanto polo traballo desenvolvido como polas súas calidades humanas.

Como mostra do pesar polo seu falecemento, o Concello de Lugo declarou tres días de loito oficial no termo municipal, desde as 10:00 horas de hoxe ata as 10:00 horas do domingo 28 de setembro.

Durante este período, a bandeira municipal ondeará a media asta no exterior da Casa Consistorial e no resto das dependencias municipais. Ademais, suspendeuse o pleno ordinario previsto para esta xornada, así como todos os actos oficiais organizados polo Concello ata a finalización do loito oficial. Ademais, as barracas do San Froilán funcionarán sen emisións musicais ata a finalización do período de loito.

⚙ Configurar cookies
0.073590993881226