O Concello de Lugo demanda melloras nas infraestruturas viarias da Xunta
A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición na que reclama á Xunta que acometa as obras necesarias nas infraestruturas viarias do Concello de Lugo no ámbito das súas competencias. “Lugo e a nosa provincia adoecen dun investimento autonómico acorde ás necesidade da actual rede de infraestruturas viarias. As carencias existentes neste sentido no ámbito competencial da Xunta están a limitar o desenvolvemento económico lucense, ao restar valor competitivo para acometer a necesaria captación de iniciativas empresariais e, en consecuencia, impide que se acade a cohesión social e territorial necesaria para equiparar os niveis de calidade de vida da nosa poboación co doutras provincias galegas”, sinalou a voceira Ana González Abelleira.
“É preciso que o Goberno autonómico concrete prazos e dote de orzamentos proxectos de valor estratéxico para a nosa cidade como a conexión do polígono das Gándaras coa A-6, o Plan Paradai ou corredor Sarria-Nadela, que acumula anos de atraso e para o que non temos datas concretas de inicio dos traballos ou de cantos anos tardará en entrar en funcionamento”, proseguiu a portavoz socialista.
Abelleira rerclamou ademáis que a Xunta cumpra coa a súa palabra e execute as dúas sendas peonís e ciclistas comprometidas e acordadas polo Consello da Xunta en marzo do 2022 para mellorar a mobilidade na capital e un maior investimento en seguridade viaria. O texto presentado polo Grupo municipal sinala na súa parte expositiva que o impacto negativo desta innegable falta de vontade para vertebrar o territorio lucense de forma interna, evidenciada por parte do Goberno autonómico exercicio tras exercicio desde o ano 2009, está a afondar nas desigualdades xerando unha Galicia de dúas velocidades: a occidental, que gaña poboación, e a interior, formada por Lugo e Ourense, que ve como a falta de oportunidades baleira o seu territorio.
“Os datos son esclarecedores neste sentido: a Xunta unicamente abriu a circulación en Lugo once quilómetros de autovía nos últimos 13 anos. Foi no corredor Lugo-Sarria, vía que a día de hoxe, incomprensiblemente, atópase aínda incompleta e cuxa dotación orzamentaria para este ano limítase a tan só 500.000 euros e unha promesa electoral de Rueda. Esiximos que a Xunta saque a Lugo do ostracismo é traballe dunha vez por acadar una maior cohesión do noso territorio”, explicou a voceira.
“Esiximos que a nova Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acometa as melloras necesarias na LU-651, e que non o faga por fascículos como ata agora, aborde o Porto Seco de Monforte, que acumula máis de 10 anos de atraso, ou deixe de botar balóns fóra coa Vía de Alta Capacidade da Costa Norte, moi necesaria para acadar un cohesión interna da Mariña e axilizar a conexión do seus concellos co resto de Lugo. Estes proxectos repercuten de forma directa no noso municipio como capital e motor económico da provincia. Ano tras ano, a Xunta esquiva asumir as súas competencias en materia de infraestruturas derivando as súas responsabilidades noutras administracións ou reservando fondos nos orzamentos como medida puramente cosmética. É hora de que os lucenses e as lucenses reivindiquemos as nosas necesidades”, concluíu González Abelleira.