O Concello de Lugo destaca a comunicación permanente co executivo central
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibíu hoxe na Casa Consistorial ao novo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a quen lle reiterou a noraboa polo seu nomeamento, unha felicitación que xa lle trasladara no acto de xura do seu cargo, o pasado 8 de abril.
Neste primeiro encontro instucional na capital, a rexedora destacou a comunicación permanente que o Concello está a ter co Executivo Central e a necesidade de mantela, “neste momento máis ca nunca, porque nesta situación tan complexa de crise social e económica que nos afecta, a cidadanía esixe que as administracións camiñemos da man para superala”, incidiu.
Neste senso, Lara Méndez propúxolle ao delegado manter reunións periódicas “co fin de realizar un seguimento dos temas de cidade e traballar conxuntamente, como até o de agora, nos proxectos en común que xa temos iniciados e que estamos a desenvolver pero tamén nos que virán, sendo conscientes do contexto social, das novas necesidades que van xurdindo e das esixencias que debemos afrontar para acadar que Lugo siga avanzando ao mesmo ritmo que outras localidades do país”, sostivo a alcaldesa.
A rexedora quixo, así mesmo, agradecer o esforzo do Goberno do Estado na posta en marcha, “e a posta real, para que infraestruturas como o impulso da A-54 e as conexións ferroviarias e a electrificación da rede, cheguen a término. O crecemento dinámico das necesidades depende diso, de ir satisfacendo unhas demandas para que poidan xerarse outras”, concluíu.
Pola súa banda, José Miñones asegurou que “veño a Lugo para falar do presente e do futuro, porque é certo que o investimento do Executivo Central na cidade e na provincia está a ser moi importante como tamén o é aproveitar a chegada dos fondos Next Generation para que Lugo e Galicia non queden fóra destes orzamentos que serán clave nos vindeiros anos”.
O delegado do Goberno, que aproveitou a súa visita para asinar no Libro de Ouro do Concello, ratificou a súa vontade de manter unha comunicación directa e fluída coa institución, “co obxectivo de ser unha ponte para que todas as demandas cheguen a Madrid pero tamén para que todo o que se fai en Madrid teña traslado en Lugo e en Galicia”, afirmou.