O Concello de Lugo destina 25.000 euros a actividades de integración da muller a e diversidade sexual
A Xunta do Goberno Local do Concello de Lugo aprobará hoxe unha partida destinada a axudar á promoción de actividades coas que favorecer a igualdade, a integración da muller e a diversidade afectiva e sexual, e que suporá unha partida de 25.000 euros, para destinar a este tipo de actuacións, desenvolvidas neste ano. Así o explicou a edil de Igualdade, Ángeles Novo, quen sinala ademais que “como Goberno local compartimos obxectivos con estas asociacións e colectivos que traballan a prol da igualdade de xénero e da integración da muller, pero tamén da inclusión e da diversidade afectivo-sexual con actividades en distintos ámbitos da sociedade que contribúen a dar visibilidade a esta problemática e sensibilizar á poboación”.
As axudas que se outorgarán por parte do Servizo de Igualdade, a través da Casa da Muller, se centran en dúas liñas de subvención. Por unha banda, as enfocadas á promoción da igualdade de xénero e da integración da muller. Neste senso, as actividades que poderán optar a esta convocatoria poderán ser de ocio, culturais, sociais, etcétera, e, segundo explicou Ángeles Novo “deberán ter como principal fin o fomento da igualdade de xénero e a integración da muller, ademais de avanzar cara a un municipio libre de violencias machistas en sentido amplo e promover a participación da muller rural nos ámbitos socioculturais”.
Ademais, a edil responsable desta área sinala que outra das liñas de actuación que contemplan estas axudas estará dirixida á inclusión da diversidade afectivo sexual. “A este respecto, pretendemos que esta convocatoria axude a promover os dereitos humanos como modelo de convivencia social e a inclusión das persoas LGTBIQ+. Queremos favorecer a formación, sensibilización e a normalización desta diversidade sexual, ademais de asesorar sobre cuestións legais, educativas, sanitarias, deportivas e sociais non só a persoas LGTBIQ+ senón tamén as súas familias”, comenta Ángeles Novo.
En caso de que un mesmo colectivo ou asociación presente dúas solicitudes de axuda para as dúas liñas de actuación que contempla esta convocatoria, o órgano municipal decidirá, se é o caso, por unha das dúas, polo que só poderá percibir unha subvención. Para ser beneficiaria das mesmas, desde a área de Muller, Igualdade e Inclusión lembran que as entidades deberán cumprir unha serie de requisitos como, entre outros, estar legalmente constituídas e domiciliadas en Lugo; estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Lugo; estar ao corrente das súas obrigas tributarias con todas as administracións; ou non ter recibido ningunha outra subvención municipal neste 2024.
O prazo para presentar as solicitudes será de quince días hábiles desde a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Ademais, o BOP recollerá as bases para optar a esta convocatoria de axudas, ao igual que a páxina web do Concello de Lugo, http://concellodelugo.gal, debendo inserirse no “portal de transparencia e bo goberno”, na sede electrónica http://lugo.gal. A Casa da Muller do Servizo de Igualdade será quen reciba e xestione todas as solicitudes, para que sexa a Xunta de Goberno Local quen resolva o procedemento de concesións de subvencións.