O Concello de Lugo destina 430.000 a subsanar eivas no auditorio, que prevé abrir despois do verán

LugoXa
En canto ao nome do recinto, a alcaldesa asegurou que Fuxan os Ventos é unha proposta e non descartou unha consulta popular para a elección.
auditorio lugo 2
31 Mar 2021

O novo Auditorio de Magoi precisará dun investimento mínimo de 430.000 euros para poder abrir as súas portas debidamente acondicionado e con todas as garantías de seguridade para o público. Así alomenos o determina un informe, contratado polo Concello de Lugo, para avaliar o estado no que foi entregado o inmoble.

Este completo dossier, de 110 páxinas, recolle máis de 220 deficiencias que atinxen a cuestións relacionadas fundamentalmente coa aparición de filtracións, carencias dos equipamentos ou defectos de relevancia nos sistemas de protección contra incendios e mesmo nas instalacións de gas, ventilación e climatización, así como nos propios acabados da edificación.

A alcaldesa, Lara Méndez, daba conta, esta mércores durante unha visita ao Auditorio acompañada de varios técnicos, das principais eivas detectadas. “Trátase, segundo indican as conclusións do informe elaborado, que o deterioro que presenta o edificio é froito dalgúns erros construtivos pero fundamentalmente do tempo que o inmoble estivo desocupado, sen uso e tamén sen mantemento, ata a súa entrega, pola que agardamos 15 anos. Cómpre lembrar que logo de rematar as obras en abril de 2016, o equipamento da dotación non comezou a instalarse ata febreiro de 2019”, lembrou a rexedora.

Lara Méndez indicou que logo de que a instalación fose recepcionada o pasado mes de xuño e ante o criterio técnico que sinalaba a necesidade de avaliar con exactitude as condicións nas que se encontraba a construción co fin de que a súa apertura non supuxera ningún risco para as persoas usuarias e traballadoras, a administración local procedeu a encargar unha avaliación global. “Un contrato que foi outorgado por 13.310 euros á empresa Inxenium, que elaborou un proxecto de execución de obras no exterior e de posta en marcha das instalacións”, aclarou.

Das 23 categorías de deficiencias que recolle a memoria, hai 13 nas que se concentran a maioría dos danos detectados e que afectan ás instalacións de saneamento, fontanería, de protección contra incendios, de ventilación e climatización, gas, electricidade, televisión, fontanería e mesmo a xestión e control do recinto, con repercusión sobre a propia estrutura do inmoble e dos seus acabados.

O Concello de Lugo, segundo adiantou a alcaldesa, sacará a licitación un contrato para resolver as eivas de forma conxunta “polo que agardamos que todas estas carencias queden resoltas despois do verán e que o Auditorio poida, nesa data, abrir por fin as súas portas”.

O NOME

Lara Méndez tamén se referiu, na súa visita ao auditorio, ao nome que se poñerá ao novo recinto cultural. Neste senso, explicou que Fuxan os Ventos é "unha proposta" e non descartou a celebración dunha consulta popular para elixir o nome definitivo.

lugo visita auditorio aparcamento alcaldesa
0.16908288002014