O Concello de Lugo destina máis de 2,7 millóns de euros en 2026 a servizos educativos

LugoXa
Iria Buide destaca o investimento en escolas infantís e comedores escolares e reclama á administración autonómica que asuma as súas responsabilidades
reunion-dirección-das-catro-Escolas-Infantís-Municipais-de-Lugo
12 Feb 2026

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, asegurou que o Concello de Lugo realiza cada ano un “importante esforzo económico e administrativo” para manter servizos que, segundo indicou, son competencia da Xunta de Galicia e dos que a administración autonómica “se desentende”. Os orzamentos municipais de 2026 recollen partidas que suman un total de 2.713.715,42 euros destinadas a ámbitos como as escolas infantís municipais e os comedores escolares.

Buide mantivo hoxe un encontro de traballo co equipo directivo das catro escolas infantís municipais e sinalou que, sen incluír os custos de persoal, estas instalacións supoñen este ano un investimento de 1.627.758,19 euros. Ademais, o Concello achega 120.000 euros á Escola Galiña Azul. A rede municipal está integrada por catro centros distribuídos en distintos barrios da cidade: a EIM María Wonenburger, na Piringalla; a EIM Luís Soto Menor, en San Fiz; a EIM Gregorio Sanz, en Fontiñas; e a EIM Serra de Outes, no Castiñeiro.

A edil puxo tamén o acento no financiamento dos comedores escolares, aos que o Concello destinará 1.062.696 euros ao longo do exercicio. Segundo subliñou, trátase dun servizo que corresponde á Xunta, mais o Goberno local mantén o seu compromiso de garantir a súa continuidade. Buide asegurou que a administración municipal non deixará ás nenas e nenos sen comedor, aínda que considera que a Xunta está a eludir unha responsabilidade propia.

A responsable de Educación concluíu que o Concello continuará reclamando que a administración autonómica asuma as súas competencias e deixe de trasladalas aos concellos, que se ven obrigados a realizar esforzos económicos significativos para evitar que a cidadanía quede sen servizos que resultan esenciais, especialmente para a conciliación da vida familiar.

⚙ Configurar cookies
0.082979917526245