O Concello de Lugo destinará 325.000 euros á protección animal en 2025
O Concello de Lugo reafirma o seu compromiso co benestar animal cunha achega para o ano 2025 de 325.000 euros, dirixida a apoiar o traballo de entidades fundamentais na protección dos animais e no control das colonias felinas.
Este esforzo, liderado pola área de Transición Ecolóxica, busca garantir o coidado ético, fomentar a convivencia responsable e consolidar a xestión sostible do benestar animal en Lugo.
O Goberno Local renova os convenios anuais coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, que recibirá 200.000 euros, e coa Asociación Protectora de Gatos da Rúa Michos de Lugo, á que se destinarán 15.000 euros.
Ademais, o Concello de Lugo colaborará co Hospital Universitario Rof Codina cunha achega de 110.000 euros que permitirá garantir a asistencia sanitaria dos animais das colonias felinas e dos que se atopan baixo o coidado destas asociacións.
"Con esta inversión, non só garantimos a salubridade das colonias felinas e o traballo das asociacións, senón que tamén aseguramos a asistencia veterinaria necesaria para os animais máis vulnerables", subliñou Mauricio Repetto, edil en funcións de Transición Ecolóxica, que ademais destacou que "o Concello de Lugo é un exemplo polo seu esforzo e compromiso nesta materia."
Desde 2019, o Concello destinou máis de 1,3 millóns de euros á protección animal, un apoio económico que contrasta coa achega realizada polo Goberno autonómico. No caso da Sociedade Protectora, máis do 75 % dos seus fondos públicos proveñen do Concello de Lugo, mentres que Michos de Lugo tamén recibe maioritariamente o seu financiamento do convenio municipal.
Entre as iniciativas destacadas, figura o Programa CER, que desde o seu inicio en 2019 permitiu a xestión de 58 colonias felinas. Ademais, realizáronse máis de 235 intervencións veterinarias adicionais e identificáronse con microchip os exemplares capturados. A data de hoxe, estanse a incorporar 8 novas colonias, que suman máis de 120 gatos ao programa de control.
O apoio do Concello tamén inclúe melloras nas condicións das colonias, coa instalación de refuxios, comedeiros e bebedeiros en zonas habilitadas, co obxectivo de facilitar a convivencia co entorno urbano e rural. Este traballo realízase en colaboración coa Asociación Michos de Lugo, que conta cun equipo de 50 persoas voluntarias e lidera as accións de control e seguimento das colonias. "Recoñecemos o esforzo incansable das asociacións que, co seu traballo diario, fan posible unha convivencia equilibrada e respectuosa cos animais en Lugo", concluíu Repetto.