O Concello de Lugo di reducir á metade o prazo medio de pago a provedores en 2025

O Concello de Lugo prevé pechar os sete primeiros meses de 2025 cun período medio de pagamento a provedores (PMPP) de 8,6 días, reducindo á metade o tempo de espera respecto aos case 20 días rexistrados no mesmo período de 2024. Esta cifra sitúase, ademais, por debaixo do límite legal de 30 días establecido pola normativa.
Entre xaneiro e xullo, o importe total de facturas abonadas alcanzará os 32,5 millóns de euros, 2,78 millóns máis que en 2024, amosando a capacidade do Goberno local para mobilizar recursos e reforzar o tecido económico da cidade.
A concelleira en funcións de Recursos Internos, Ana González Abelleira, destacou que estes resultados “confirman que Lugo é unha administración solvente, que paga máis e antes, apoiando ás nosas PEMEs e asociacións e contribuíndo ao progreso da cidade”. Engadiu que “a liquidez coa que contamos este ano, froito dunha mellor situación financeira e do préstamo concertado en 2024, permitiunos manter un fluxo de pagamentos áxil e regular, incluso en meses como xullo, cando noutras administracións a actividade se ralentiza polas vacacións”.
Entre os exemplos máis destacados, en xuño de 2025 o Concello pagou de media en só 4,32 días, fronte aos máis de 32 rexistrados no mesmo mes de 2024, unha redución de case 28 días. Tamén en marzo se acadou un dato de 6,77 días, ao tempo que se abonaron 7,58 millóns de euros en facturas, case 3 millóns máis que en 2024, demostrando que non só se acurtaron prazos, senón que aumentou o volume de pagamentos realizados.
A estatística de morosidade, que inclúe os tempos de conformidade dos servizos ou reparos de Intervención e ten un límite legal de 60 días, tamén mostra melloras no segundo trimestre, pasando de 87,16 días en 2024 a 53,83 en 2025, máis de 33 días menos e cumprindo claramente coa normativa.
Ana González Abelleira destacou que “o esforzo de coordinación interna e de simplificación de procedementos tamén está a dar os seus froitos, reducindo prazos e mellorando o funcionamento global da administración”. A concelleira subliñou que o obxectivo do Goberno local é seguir mellorando os prazos de pagamento, porque cada día que se reduce supón maior liquidez para empresas e entidades e, en consecuencia, máis oportunidades de crecemento e emprego.