O Concello de Lugo e COGAMI analizan as necesidades da cidade en canto a accesibilidade

LugoXa
Rubén Arroxo amosou o seu apoio á campaña de COGAMI, 'Teletransporte contra a discriminación', reclamando maior accesibilidade no transporte público interurbano
Concello-de-Lugo-reunión-con-COGAMI
14 Nov 2024

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza xunto con integrantes de COGAMI para analizar as necesidades da cidade en canto a accesibilidade.

Arroxo destacou que "nos últimos anos, desde as áreas da Tenencia de Alcaldía traballamos para construír unha cidade amable coas persoas baseada nunha mobilidade alternativa que permita ás veciñas e veciños deixar o coche na casa", e engadiu "neste proceso é preciso facilitar ao máximo a accesibilidade a todas as persoas con problemas de mobilidade".

Rubén Arroxo afirmou que "é necesario continuar a traballar por un concello inclusivo, no que todas as persoas teñan unha vida o máis normal posible, independentemente das súas capacidades físicas", e puxo en valor o traballo executado pola Tenencia de Alcaldía no Goberno de Lugo.

"Na planificación da cidade sempre temos en conta cuestións importantes para toda a veciñanza de Lugo, entre estas cuestións destacan a accesibilidade e a perspectiva de xénero para facer de Lugo un lugar amable e accesible", explicou Rubén Arroxo.

Arroxo destacou a importancia de traballar pola accesibilidade en todos os eidos. Neste sentido, amosou o seu apoio á campaña que está a levar adiante COGAMI reclamando maior accesibilidade no transporte público interurbano.

Segundo Rubén Arroxo, "todos os buses urbanos do Concello de Lugo contan con medidas para garantir a accesibilidade de todas as persoas, apoiamos a COGAMI na súa reclamación para que o transporte interurbano conte con vehículos que garantan a accesibilidade de todas as persoas con mobilidade reducida".

A través desta campaña, COGAMI reclama a accesibilidade universal en infraestruturas e vehículos, incluíndo a dispoñibilidade de puntos de recarga para dispositivos médicos esenciais como os equipos de oxíxeno líquido, fundamentais para persoas con discapacidade orgánica que requiren apoio respiratorio.

Baixo o lema 'Teletransporte contra a discriminación', esta campaña conta cunha reivindicación moi clara: “Ata que o teletransporte sexa viable, que polo menos os transportes habituais cumpran as leis de accesibilidade”.

0.19920492172241