O Concello de Lugo e Ecoembes fiman un acordo para mellorar a recollida selectiva de residuos

LugoXa
Ecoembes achegará 17.000 euros para a adquisición de novos contedores, incrementando a dotación de contedores de reciclaxe mediante a instalación de medio centenar de novas unidades
lixo-Mauricio-Felpeto
19 Nov 2024

O Concello de Lugo e Ecoembes veñen de formalizar un acordo de colaboración para mellorar a recollida selectiva de residuos de envases e papel-cartón na cidade.

No marco deste convenio, Ecoembes achegará 17.000 euros para a adquisición de novos contedores: 5.000 euros para colectores de reciclaxe de envases lixeiros de carga traseira, 6.000 euros para os de carga lateral e outros 6.000 euros destinados a contedores de papel-cartón de carga lateral.

Así, este proxecto permitirá incrementar a dotación de contedores de reciclaxe mediante a instalación de medio centenar de novas unidades en distintas zonas do municipio, facilitando así o acceso á recollida selectiva e fomentando a reciclaxe entre a cidadanía. “Este acordo sevirá para incrementar a reciclaxe e coidar o medio ambiente”, destacou Mauricio Repetto, responsable en funcións da área de Transición Ecolóxica, quen tamén subliñou a importancia de ampliar os recursos para a xestión de residuos na cidade.

“Os avances na reciclaxe que estamos a lograr son o mellor reflexo do traballo constante que realizamos para optimizar a xestión dos residuos na cidade,” afirmou Repetto. “Estes resultados reflicten o esforzo continuo por mellorar a sustentabilidade e a calidade de vida en Lugo”.

Posta en valor das accións do Goberno local

Desde o ano 2019, Lugo rexistrou incrementos significativos nas taxas de reciclaxe, cun aumento do 20,1 % nas toneladas de envases lixeiros, un 45,73 % no papel e cartón, e un 4,17 % no vidro. Estas cifras sitúan a Lugo dentro dos parámetros que, segundo Sogama, deberían permitir o acceso ás bonificacións asociadas ao canon de tratamento de residuos. Con todo, estas non foron implementadas, unha decisión que desde o Concello se entende como allea ao esforzo e á realidade dos datos. “Cumprimos cos estándares e obxectivos que se nos marcan, demostrando que Lugo aposta por un modelo de xestión sostible e comprometido cos retos ambientais, aínda que hai quen non queira recoñecelo”, destacou Repetto.

Ademais, o Concello tomou a decisión de non adherirse á bonificación de Sogama porque un dos requisitos era trasladar a rebaixa aos recibos do vecindario, o que aumentaría o desequilibrio no custo do servizo e iría en contra das directrices europeas que buscan unha xestión eficiente e sostible dos residuos. “Non podemos aceptar unha medida que, en lugar de axudar ao Concello, agrave o desequilibrio financeiro do servizo e confunda á cidadanía sobre os verdadeiros custos,” subliñou Repetto.

Este ano, Lugo recibiu a Escoba de Platino, o máximo recoñecemento estatal e iberoamericano na xestión de residuos, un galardón que avala as boas prácticas do Concello neste ámbito. O premio, outorgado pola Asociación Técnica para a Xestión de Residuos (ATEGRUS), recoñece iniciativas como o cambio ao sistema de carga lateral nos contedores, a implantación do punto limpo móbil e a mellora xeral da infraestrutura de reciclaxe na cidade.

“Para o Concello de Lugo, este recoñecemento supuxo acadar a excelencia e confirmou que estamos no camiño correcto para consolidar un modelo de cidade sostible,” engadiu Repetto. “É un estímulo para continuar traballando pola calidade de vida dos lucenses e por un futuro máis verde. Este novo convenio con Ecoembes tamén reforza o noso compromiso cunha mellora continua dos servizos de reciclaxe e xestión de residuos,” subliñou.

Con este recoñecemento, os resultados obtidos e o recente acordo con Ecoembes, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso en seguir promovendo a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía. Ao tempo, o Executivo de Paula Alvarellos reclama medidas de apoio que realmente beneficien aos concellos e non supoñan unha carga engadida aos seus recursos, para así avanzar nunha xestión sostible que sexa eficiente e respectuosa co medio ambiente.

0.1791729927063