O Concello de Lugo e o COAG avanzan na rexeneración urbana e mellora dos accesos á cidade

LugoXa
O Goberno local avanza na rexeneración do barrio do Carme e estuda propostas para intervir no monumento ao bimilenario de Santo Domingo
Alcalde-de-Lugo-reunion-presidenta-COAG
15 Jul 2025

O Goberno Local de Lugo mantivo un encontro coa presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Lugo, Carmen Figueiras, para impulsar a renovación de barrios emblemáticos como O Carme e explorar posibles colaboracións para intervencións no monumento ao bimilenario de Santo Domingo.

Ademais, estudaron a convocatoria dun concurso de ideas para mellorar a imaxe dos principais accesos viarios á cidade, co obxectivo de lograr unha apariencia recoñecible, unitaria e atractiva.

O alcalde, Miguel Fernández, destacou a apertura da Administración local a unha maior cooperación cos arquitectos, que permita ofrecer solucións e ideas innovadoras a distintas actuacións urbanas mediante concursos ou outras fórmulas de colaboración. “Lugo sairá gañando se vamos da man”, afirmou o rexedor, quen salientou a importancia de sumar esforzos no proceso de transformación que están a experimentar varias zonas da cidade.

Durante a reunión, tamén se abordou a posibilidade de que o COAG achegue propostas para intervir no monumento ao bimilenario de Santo Domingo, que viu modificado o seu aspecto tras as obras de peonalización e a nova configuración da praza.

Ademais, a presidenta do Colexio mostrou o seu interese en crear mesas de traballo para actualizar as licitacións dos servizos intelectuais, co fin de consolidar a calidade da arquitectura en Lugo. Tamén se falou do impulso urbanístico que está a experimentar o Concello nos últimos meses, froito dos cambios realizados na área de Urbanismo, un aspecto que o alcalde se comprometeu a estudar.

Carmen Figueiras resaltou que o servizo municipal de Urbanismo mellorou notablemente, tanto en tramitación de licenzas como na atención aos usuarios. Para Miguel Fernández, “no último ano avanzouse moito cara a un dinamismo urbanístico, coa incorporación de máis persoal ao servizo municipal e a axilización da tramitación de expedientes”.

⚙ Configurar cookies
0.14781999588013