O Concello de Lugo e o Colexio de Farmacéuticos buscan mellorar o acceso ás farmacias de Lugo

A mellora do acceso ás farmacias de Lugo centrou unha xuntanza de traballo na que se abordaron medidas para facilitar tanto a mobilidade peonil como o tránsito rodado ata estes establecementos, especialmente os situados no centro histórico.
No encontro tamén se estudaron alternativas para o estacionamento nas inmediacións das farmacias localizadas fóra da muralla, co obxectivo de garantir un servizo cómodo e accesible para a veciñanza e para o persoal farmacéutico.
Estas propostas buscan compatibilizar as necesidades de mobilidade co modelo de cidade sostible impulsado polo Goberno local.
“Queremos garantir que toda a cidadanía poida acceder aos servizos farmacéuticos con comodidade, independentemente da súa localización, ao tempo que seguimos avanzando cara a unha cidade máis amable e sostible”, destacou Rubén Arroxo, quen participou no encontro xunto con representantes do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo.
A reunión puxo de manifesto a vontade de colaboración entre administración e profesionais do sector sanitario para avanzar cara a solucións compartidas que melloren a vida diaria da cidadanía.