O Concello de Lugo entrega dende o luns 400 vales de 100 euros para libros e material escolar

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou que a partir do vindeiro luns as oficinas da Concellería de Educación, situadas no terceiro andar do Centro Uxío Novoneyra, comezarán coa entrega dos vales destinados á compra de libros de texto e material escolar.
“Un ano máis, cumprimos cos prazos e entregamos estes vales nas primeiras semanas do curso escolar”, afirmou Buide, quen destacou que “desde a concellería esforzámonos en facilitar ás familias, no menor tempo posible, unha axuda que garante o acceso ao material a moitas nenas e nenos”.
En total, repartiranse 400 cheques de 100 euros, ata completar un investimento de 40.000 euros. O único criterio de baremación para acceder ás axudas é a renda per cápita anual da unidade familiar, fixada este ano cun límite do 85 % do IPREM. A concellería recibiu 711 solicitudes para esta convocatoria.
As listaxes definitivas de persoas beneficiarias poden consultarse tanto no taboleiro de anuncios do concello como na web municipal. Os vales poderán recollerse entre o luns 15 e o venres 26, e deberán empregarse nas librarías de Lugo antes do 10 de outubro.