O Concello de Lugo enviará 28 palés de produtos de primeira necesidade a Valencia
O Concello de Lugo enviará 28 palés de produtos de primeira necesidade recollidos a través da implicación cidadá, de colectivos, asociacións, empresas e institucións, unha iniciativa levada a cabo en coordinación coa Federación Valenciana de Municipios.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou o valor desta iniciativa e subliñou que "a solidariedade lucense volveu demostrar que podemos facer fronte a grandes desafíos co traballo conxunto de toda a sociedade". Ademais, incidiu na importancia de actuar con coordinación e responsabilidade para garantir que a axuda chegue de forma efectiva a quen máis a necesita.
Entre os produtos clasificados atópanse alimentos básicos como leite, auga ou conservas, artigos de hixiene e bens específicos para situacións de emerxencia. As achegas foron realizadas por unha ampla rede de entidades e empresas, entre as que se atopan o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, o alumnado da Facultade de Veterinaria da USC, a Xefatura Provincial de Tráfico, o Centro Penitenciario de Bonxe, o CIFP As Mercedes, o Concello de Muras, a Policía Local de Lugo e diversas asociacións de veciños do rural lucense.
Paula Alvarellos quixo agradecer novamente o esforzo colectivo que fixo posible esta resposta: "Desde o Concello traballamos para que cada persoa, asociación ou empresa que quixese axudar puidese facelo de forma organizada e segura".