O Concello de Lugo esixe á Xunta celeridade para instalar o comedor provisional no CEIP Fingoi II

LugoXa
Iria Buide e Miguel Fernández reclaman que o comedor móbil estea operativo o 8 de xaneiro e lembran que o Concello xa cumpre coas súas obrigas
comedor-portatil-Fingoi-II-Lugo
30 Dec 2025

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, lembrou que a Concellería de Educación está preparada para prestar o servizo de comedor escolar no CEIP Fingoi II “en canto a Xunta habilite o espazo”. A edil reclamou “celeridade” á Administración autonómica e confiou en que “para a volta das vacacións estea todo listo para que as familias poidan contar co comedor escolar”.

Con todo, Buide advertiu de que o Concello non recibiu ningunha comunicación oficial por parte da Xunta sobre a data prevista para a instalación das casetas provisionais, unha solución temporal ata que se leve a cabo a ampliación definitiva do centro. Actualmente, estas estruturas atópanse no CIFP As Mercedes, á espera de seren acondicionadas.

A responsable municipal de Educación tamén fixo balance do inicio do curso nos comedores escolares, “un servizo que, malia ser competencia da Xunta de Galiza, prestamos desde o Concello”, explicou. Nos primeiros meses do curso, a media diaria foi de 927 nenos e nenas no servizo de comedor e de 378 no servizo de madrugadoras e madrugadores, que este ano se estendeu tamén ao CEIP Nadela, “chegando xa a todos os centros”, destacou.

Buide lembrou que os comedores escolares supoñen un custo anual de máis de medio millón de euros para as arcas municipais e reclamou unha vez máis “que a Xunta se faga cargo das súas competencias”. A concelleira asegurou que “non deixaremos que ningunha nena ou neno de Lugo quede sen comedor escolar, aínda que a Xunta non cumpra co seu traballo”.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, esixiu á Xunta de Galicia a instalación inmediata do comedor móbil no CEIP Fingoi II, cando xa transcorreron 20 días desde a sinatura do convenio que debía permitir dar unha resposta provisional ás necesidades do alumnado mentres non se executa a ampliación definitiva do centro. O rexedor cualificou o atraso de “inxustificado e inaceptable”, especialmente tendo en conta que o servizo debe estar operativo para o inicio do período lectivo o vindeiro 8 de xaneiro.

O Executivo municipal, a través do concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, lembrou que a urxencia desta actuación foi reiteradamente posta de manifesto tanto pola comunidade educativa como polo propio Concello, que leva tempo reclamando unha solución inmediata para garantir un servizo esencial para as familias e o benestar do alumnado.

Fernández explicou que esta actuación “enmárcase nun proceso impulsado polo Concello de Lugo, que conseguiu, a través da presión institucional e do diálogo constante coa Consellería de Educación, o compromiso da Xunta para iniciar as obras de ampliación do centro nun prazo inferior a dous anos”. O obxectivo final é dotar o CEIP Fingoi II dun comedor permanente e plenamente adaptado aos estándares educativos actuais.

Desde o Goberno local lembran tamén que a aprobación do convenio está condicionada ao pagamento das taxas da licenza de obra necesaria para instalar a estrutura móbil, unha obriga que corresponde á Xunta como promotora da actuación. O Concello subliña que cumpriu escrupulosamente con todas as súas obrigas e que non existe ningún impedimento técnico nin administrativo que xustifique a demora.

Por todo isto, o alcalde instou á Consellería de Educación a desbloquear de inmediato a situación para que o comedor móbil estea plenamente operativo o 8 de xaneiro e advertiu de que o Goberno local seguirá vixiante e insistente, tanto para que chegue canto antes esta solución provisional como para que se avance sen máis atrasos cara á solución definitiva que o centro merece.

⚙ Configurar cookies
0.079049825668335