O Concello de Lugo esixe urxencia no mantemento do CEIP As Mercedes tras o derrubamento dun tramo do teito

LugoXa
Pola súa parte, desde a Delegación Territorial da Xunta en Lugo lembraron que o mantemento ordinario dos centros educativos é "unha competencia do Concello"
teito-CEIP-As-Mercedes-Lugo
11 Jun 2025

O Concello de Lugo comprométese a seguir esixindo á Xunta de Galicia unha actuación inmediata para garantir a seguridade no CEIP As Mercedes tras o derrubamento parcial dun tramo do teito, acontecido fóra do horario lectivo e sen causar danos persoais.

Esta situación pon de manifesto o deterioro das infraestruturas educativas na cidade, especialmente nun contexto no que moitos centros presentan graves déficits en accesibilidade e falta de renovación básica das instalacións.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, manifestou a súa “fonda preocupación” e denunciou que, a pesar das reclamacións reiteradas do Concello, a Xunta non acomete os investimentos necesarios, preferindo “pagar comidas para amigos”. Arroxo destacou tamén a falta de adaptación dos centros para o alumnado e profesorado con mobilidade reducida, así como a necesidade de mellorar aspectos básicos como os baños para facelos seguros, accesibles e inclusivos.

Desde o goberno local insisten en que é preciso actuar con urxencia para evitar que estas deficiencias poñan en perigo a comunidade educativa e anunciaron que seguirán loitando para que a Xunta asuma as súas responsabilidades.

Pola súa parte, desde a Delegación Territorial da Xunta en Lugo lembraron que o mantemento ordinario dos centros educativos é "unha competencia do Concello" e polo tanto, se se chega a esta situación, é precisamente "porque o Concello elude as súas responsabilidades".

Así, din que "o BNG tenta botar balóns fóra, culpando á Xunta de problemas que derivan da súa evidente deixadez na xestión municipal. De feito, se dende o Concello de Lugo se levasen a cabo labores axeitadas de mantemento e conservación periódica dos centros educativos, evitaríanse numerosas actuacións que temos que asumir con carácter de urxencia".

Con todo, engaden que "é irónico que falen de falta de investimentos da Xunta, cando Lugo é precisamente unha das cidades nas que máis se está investindo no ámbito educativo nos últimos anos". No marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o Goberno galego destina máis de 14 millóns de euros a unha vintena de actuacións en centros educativos da cidade de Lugo.

Con respecto a outro tema, na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a licitación da obra para a rexeneración do firme da rúa da Agricultura, no polígono industrial do Ceao, cun orzamento de 181.458,39 euros e un prazo de execución de 13 semanas. Ademais, deron luz verde ás bases da convocatoria de subvencións para as ANPAS dos centros públicos e concertados, cun total de 10.000 euros para actividades formativas e culturais no ano 2025.

⚙ Configurar cookies
0.1374831199646