O Concello de Lugo esixirá á Xunta de Galicia un compromiso para acometer a reforma do cuartel de San Fernando
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou que o Concello de Lugo esixirá formalmente á Xunta de Galicia un compromiso plurianual para acometer a reforma do cuartel de San Fernando co obxectivo de posteriormente convertelo na sede do futuro Museo da Romanización.
“Esperamos que a Xunta deixe de idear manobras de escapismo e asuma dunha vez as súas competencias. A consignación de 500.000 euros é un xesto, pero é necesario que o compromiso se estenda segundo o solicitado ata alcanzar, como mínimo, a primeira fase da rehabilitación, cuantificada en máis de 2 millóns de euros, algo que nos situaría en disposición de acceder a outro tipo de liñas de financiamento como o 2 % Cultural”, sinalou a alcaldesa.
Alvarellos lamentou a improvisación do Goberno autonómico quen, ante a presión social, optou por introducir unha modificación orzamentaria “de présa e correndo e sen a planificación precisa” que non achega o investimento necesario e que tampouco permite deseñar un cronograma de traballo para abordar o proxecto, polo que solicitamos unha maior concreción en relación a estas e futuros investimentos”.
“O Concello cumpriu coa súa parte investindo máis de 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble. Agora debe ser o Executivo galego o que financie os traballos da primeira fase que afectan á envolvente e á cuberta. Necesitamos que expliquen como e cando van realizar estes traballos. Non debemos esquecer que a conservación do patrimonio arqueolóxico é unha competencia exclusiva da Xunta.”, dixo.
O obxectivo é, segundo explicou a rexedora, contar con certeza necesaria para involucrar neste proxecto ao maior número de institucións e así podelo completar no menor tempo posible para poder levar a cabo un traballo de investigación e divulgación sobre as máis de 15.000 pezas de gran valor histórico que se atopan almacenadas en dependencias municipais.
“O punto de partida e a folla de roteiro que debe guiar todo este proceso de rehabilitación é a proposta Perseo, redactada por Pedro Colón de Carvajal e Raquel Buj, gañadores do concurso de ideas convocado pola Xunta no seu día e que ademais conta co informe favorable do Icomos. A partir desta proposta, desde o Concello planificamos a execución dos traballos en catro fases cun anteproxecto que agora será necesario actualizar para adaptalo á normativa actual, pero antes necesitamos saber cal vai ser a dotación orzamentaria total de Cultura e como se vai a dividir por anualidades. Eles son os responsables de acometer a obra. De feito a Dirección Xeral do Patrimonio da Consellería de Cultura figura como promotor da obra neste Proxecto Básico de Execución”, explicou Alvarellos.
PETICIÓN DE LARA MÉNDEZ NO PARLAMENTO GALEGO
Pola súa parte, a viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento Galego, Lara Méndez, esixiulle ao goberno galego que asuma por completo a súa competencia na execución do Museo da Romanización de Lugo.
Salientou que é a primeira vez que nos 16 orzamentos presentados co PP no goberno galego se incorpora unha emenda da oposición á partida de gastos, pero sinala que para iso os socialistas tiveron que reducir a súa petición inicial de 2 millóns de euros. A contía final resulta unha pequena fracción dos 12 millóns de euros que suporía construír o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando, pero, puntualiza Méndez, “é a única forma de incorporar o proxecto ás contas do goberno galego”.
A parlamentaria luguesa esíxelle ao goberno galego que se comprometa coa execución desta actuación, xa que teñen a competencia sobre o patrimonio arqueolóxico e ademais está situado nun edificio cualificado Ben de Interese Cultural. Advertiu que no caso de acadar fondos europeos estes deben ser complementarios, e reclamoulle un maior compromiso para poñer en valor o patrimonio galego que atesora Lugo pero que se atopa desperdigado.
Méndez lembrou que o goberno galego tiña amosada a súa intención de destinar 5 millóns de euros para unha idea “absurda” de converter o Cuartel nun Parador, algo que “nunca demandou a sociedade de Lugo”, polo que “destinar apenas medio millón de euros ao Museo da Romanización resulta incomprensiblemente insuficiente”.
A responsable socialista salienta que entre os agravios do goberno galego con Lugo figuran os intentos “ata onde era posible” por impedir a apertura do auditorio, e agora quere facer o mesmo retrasando o Museo”. Esixiulle por iso á presidenta provincial do PP e parlamentaria autonómica, Elena Candia, que “deixe de buscar a confrontación e comece a pelexar polos intereses da cidade amurallada”.