O Concello de Lugo está a retirar os escombros dos polígonos industriais do Ceao e das Gándaras

O Concello de Lugo está a retirar os escombros dos polígonos industriais do Ceao e das Gándaras trala reunión mantida entre o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e cos representantes da Asociación de Empresarios de O Ceao As Gándaras, na que abordaron a necesidade de dar a solución a varios problemas urxentes.
Un dos máis apremados é o estado dalgúns puntos nos que se acumulan escombros, materiais de construcción e maleza, que de non atallarse rapidamente pode xerar un efecto chamada para converterse en vertedoiros incontrolados, segundo explicaron onte ao alcalde os representantes do citado colectivo. Para evitalo e para dar resposta as demandas trasladadas, comezaron xa de xeito inmediato estas actuacións, que se inclúen nese plan de acción de mellora de infraestruturas en ambos polígonos, ás que se sumarán en breve a limpeza de zonas afectadas e a reposición de tapas de sumidoiros.
Os traballos de retirada de escombros e material de refugallo comezaron e remataron xa na Rúa dos Carros, no polígono do Ceao, e nas vías J e E, Eleizegui López Antonio, do parque empresarial das Gándaras. Tamén no Camiño do Cortizo, onde se localizou un vertedoiro.
O rexedor de Lugo, Miguel Fernández, sinalou que “puxemos en marcha as intervencións o antes posible para frear esta situación, co que evitaremos que o problema vaia a máis; ao tempo que favorecemos a conciencia cívica, necesaria para que estas prácticas non se repitan”.
Ademais, de xeito paralelo, desde Alcaldía trasladouse a necesidade de reparar ou repoñer as tapas dos sumidoiros danadas en ambos parques, para poder analizar se son de abastecemento ou saneamento, ou de servizos eléctricos, empresas de telefonía ou de acometidas privadas.
A ámbalas dúas intervencións, tamén se sumarán os traballos de limpeza e desbroce que se desenvolverán nalgunhas das zonas destes dous polígonos.
Todas estas actuacións responden ao plan de acción de mellora de infraestruturas, onde se contempla ademais a actualización da sinalizacións nos polígonos, o acondicionamento de rotondas e o estudio para a ampliación de zonas de estacionamento, entre outros aspectos.