O Concello de Lugo estuda a habilitación de novos aparcadoiros gratuítos nas inmediacións do HULA
A alcaldesa de Lugo anunciaba hoxe que o Concello de Lugo está a tramitar os permisos pertinentes para poder rozar e acondicionar a tal efecto un novo soar, nas proximidades do Hospital Universitario Lucus Augusti “co obxectivo de incrementar o número de estacionamentos a disposición da cidadanía, todas elas – remarcou – de carácter gratuíto”.
“Trátase de dúas parcelas, sitas na mesma marxe da entrada principal ao edificio, entrando pola Rolda Norte, que conxuntamente suman 11.500 m² e sobre as que, logo da súa limpeza, a área de Enxeñería realizará o estudo topográfico pertinente para avaliar a capacidade que ofrecen aínda que, de non resultar viables, dispoñemos doutro predio alternativo ao seu carón que tamén se pode destinar a este fin”, explicou Lara Méndez.
Así, a alcaldesa lembrou que, actualmente, nas inmediacións do centro sanitario hai xa máis de medio milleiro de aparcamentos de balde, “logo de que repintásemos en batería as marcas viarias que circundan o HULA para gañar 150 espazos, aos que cómpre sumar as 363 prazas que se habilitaron no parking creado xusto diante das instalacións”.
“A nosa intención é, ademais, que cando se aprobe o 5% restante do PXOM, toda vez que a nova catalogación do chan – que actualmente é rústico, de especial protección – pase a clasificalos como zona de equipamentos, estes dous recintos se convertan dun xeito definitivo en dotacións pavimentadas, perimetradas e coa sinalización correspondente, etc.”
Lara Méndez enmarcou esta medida na vontade do Executivo local de dar resposta ás demandas cidadás, atendendo ao que xa é un clamor similar ao que, no seu día, propiciou que Lugo conte cun servizo de hemodinámica 24 horas.
“Os e as lucenses levan anos denunciando as altas tarifas do parking soterrado do Hospital e reclamando a súa gratuidade. Unha reivindicación á que, tamén dende o equipo de Goberno, nos sumamos en varias ocasións, mesmo a través de proposicións plenarias que lle fixemos chegar á Xunta sen que, até o de agora, obtivéramos unha resposta”, sinalou a rexedora.
“De xeito que, coa creación de máis estacionamentos libres queremos contribuír a paliar os problemas cos que as case 4.000 persoas que acoden a diario ao HULA, se atopan para deixar os seus vehículos a un prezo razoable”, engadiu Méndez.
A alcaldesa lucense cualificou, nunha nova ocasión, de “inxusto” que os e as usuarias do complexo médico, centro de referencia para toda a provincia, teñan que pagar por aparcar na contorna e recordou que o propio inmoble foi construído sobre terreos que eran propiedade do Concello e que a Institución cedeu de xeito gratuíto ao Goberno galego para tal fin. “É dicir, se lle esixe á cidadanía de Lugo un repago, sacrificando o interese público para darlle beneficio a unha empresa privada”, subliñou.
“Durante esta década, a Xunta desoíu de xeito continuado estas peticións, tanto as realizadas polo Concello como pola sociedade lucense, e non accedeu en ningún momento á gratuidade, tampouco agora que, co fin da concesión, tiña a oportunidade de recuperala para que pasase a ser pública”, reprochou Lara Méndez quen amosou o seu apoio á proposta da Federación Veciñal para que, en todo caso, se transmita a xestión da mesma a un ente social ou ONG de Lugo que atenda a persoas vulnerables, sen taxa de arrendamento por parte do Sergas.
Antes de rematar, a rexedora adiantou, así mesmo, que o Executivo local solicitará unha autorización para colocar cámaras de vixilancia tanto no actual aparcadoiro como no que se proxecta construír, co obxectivo de incrementar a seguridade que actualmente desenvolven co seu labor Policía Local e o resto de Corpos con competencias en materia de orde pública.