O Concello de Lugo estudará emprender accións legais pola gravación que efectuou o PP
O Concello de Lugo anunciou que estudará emprender accións legais pola gravación que o Partido Popular efectuou na vía pública o pasado mes de xaneiro.
Un comportamento que o Executivo local cualificou de “nada ético e que mesmo pode ser constitutiva de infracción e sancionable”, e que agora porá en coñecemento da Axencia de Protección de Datos para que analice e actúe en consideración, segundo corresponda.
O tenente de alcaldesa e portavoz municipal, Miguel Fernández, explicou hoxe que “durante as últimas horas foron moitos os veciños e veciñas da cidade que manifestaron o seu rexeitamento ao acontecido e que trasladaron as súas queixas non só ao Goberno senón tamén, como así nos consta, ao propio PP por considerar primeiramente inapropiada e, en segundo lugar e aínda máis importante, ilexítima, a devandita gravación, procedendo sen autorización á filmación de imaxes na vía pública, rexistrando os movementos da cidadanía, o paso de vehículos, matrículas, etc, con fins particulares que, neste caso, non perseguían ningún tipo de interese xeral, senón réditos partidistas”.
“Dende o Concello adoptaremos agora as medidas oportunas para evitar este tipo de abusos propios de aqueles que menosprezan os dereitos alleos e se consideran impunes para actuar á marxe da lei”, referiu o portavoz que non dubidou en enmarcar os feitos na “estratexia de espionaxe ao estilo Casado que ultimamente define a este partido e que na nosa cidade afectou tanto á veciñanza como aos propios funcionarios municipais”.
O Goberno local lamentou alén a “baixeza moral dunha oposición que prefire facer espectáculo a traballar verdadeiramente por mellorar a vida das e dos lucenses dun xeito propositivo e que non ten reparos en terxiversar a realidade e mesmo mentir, o que acontece cando cuantifica, por exemplo, a perda de prazas de estacionamento que derivaron desta nova infraestrutura. De aí que nas primeiras denuncias que fixo – por certo dunha obra que está sen rematar e que, por tanto, aínda non se puxo a disposición da cidadanía para que faga uso dela - estimara nun cento o número de aparcadoiros que suprimía o itinerario da senda ciclista, unha cantidade que, da noite para a mañá, sen o máis mínimo pudor nin rigor, elevou a 500 nun mesmo barrio, segundo afirmaba nese vídeo. Como tamén minte ao falar do custe desta obra, que cifra en 1,4 millóns, cando é de 1,2”. Esa é a súa credibilidade e a mellor mostra do tipo de labor que está a desenvolver pola cidade”, concluíu Miguel Fernández.