O Concello de Lugo executará con fondos propios a mellora do aparcadoiro das Gándaras

LugoXa
Bustos acusa á Xunta de querer atribuírse un proxecto no que, asegura, non participou nin colaborou
fochancas-aparcadoiro-campo-de-fútbol-As-Gándaras
11 Aug 2025

O Concello de Lugo culminou o procedemento para a mellora e adecuación do aparcadoiro do Campo de Fútbol das Gándaras, despois de conseguir a cesión temporal dos terreos propiedade do Ministerio de Defensa e completar todos os trámites previos á licitación, prevista para os próximos días.

O edil de Deportes, Jorge Bustos, subliñou que o custo será asumido integramente polo Concello e criticou que “a Xunta non achegou axuda nin realizou ningunha xestión efectiva, malia que agora o seu delegado queira escenificar un compromiso que nunca se traduciu en feitos reais”.

Bustos explicou que este avance é resultado dun traballo continuado iniciado o 20 de xaneiro de 2024, cando comezaron as conversas coa Subdelegación do Goberno, que remitiu o asunto á Subdelegación de Defensa en Lugo. En marzo de 2024 presentouse o primeiro escrito formal solicitando o uso dos terreos e, en xuño, chegou a resposta do Departamento de Enaxenación de Defensa. Posteriormente, grazas á xestión municipal, enviouse un novo comunicado ao INVIED para acelerar a autorización debido á alta afluencia de vehículos na tempada de adestramentos.

O proceso culminou o 2 de febreiro de 2025 cun acordo entre a Concellaría de Deportes e o Ministerio de Defensa para adecuar os terreos, pendente de certificación urbanística, que se obtivo en maio, legalizando así un estacionamento ata entón non permitido. Ese mesmo mes formalizouse a cesión temporal e iniciouse o procedemento de licitación das obras, que se executarán con fondos propios municipais.

O concelleiro criticou que o delegado da Xunta “pretende aparecer agora como parte implicada cando non moveu un dedo ata que o proxecto estaba finalizado” e cualificou a oferta autonómica de cofinanciamento anunciada en agosto como “unha manobra de cara á galería”. Recalcou que “todo o fixo o Concello” e que “as lucenses e os lucenses saben perfectamente quen negociou con Defensa, quen obtivo a cesión e quen vai pagar a obra”.

Bustos concluíu asegurando que esta actuación responde a unha demanda histórica dos clubs e usuarios do Campo das Gándaras, e anunciou que, xa que a Xunta manifestou vontade de colaborar, o Concello trasladaralle propostas para financiar outras instalacións deportivas destinadas ás categorías inferiores, reclamando que sexan cedidas de forma gratuíta aos clubs, como acontece noutras localidades.

⚙ Configurar cookies
0.38392305374146