O Concello de Lugo financia dez prazas no campamento Lumieira
O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Benestar Social e Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, financiará as dez prazas no campamento que organiza a Asociación Cultural e Deportiva Lumieira, destinadas a menores de entre 4 e 14 anos con algún tipo de discapacidade. O obxectivo é “favorecer a conciliación familiar ao tempo que se busca a inclusión social e a integración de nenas e nenos con necesidades especiais”, explica López Racamonde.
Segundo a responsable desta área, se cubrirán cinco prazas en cada quincena do mes de xullo, con horario de 9.30 a 19.30, con servizo de comedor e merenda incluídos, co fin de promover “a integración dos menores en campamentos normalizadores, para que poidan ter unha convivencia socializadora nun espazo lúdico e integrador”.
Ademais, Olga López Racamonde fai fincapé no importante labor que “se fai desde este departamento ao favorecer a conciliación nos eidos laboral, familiar e persoal, beneficiando tanto ás persoas menores como á súa unidade de convivencia”. A área de Benestar Social correrá cos custos íntegros dos dez menores que solicitaron praza no campamento Lumieira, o que suporá un investimento de preto de 5.000 euros.
Os beneficiarios deste programa son nenas e nenos empadroados no Concello de Lugo, cunha idade comprendida entre os 4 e os 14 anos, que presentan necesidade educativas especiais ou algún tipo de discapacidade, acreditada mediante informe médico ou certificado de valoración de discapacidade, e que forman parte do Programa de Intervención Familiar (PIF) do Concello de Lugo.
Entre os requisitos que tiñan que cumprir os solicitantes figura ter unha idade comprendida entre os 4 e os 14 anos; o empadroamento no Concello de Lugo dos membros da unidade de familiar; certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento ou informe médico do sistema sanitario público, que acredite as necesidades educativas especiais; estar incluído no Programa de Intervención do Concello de Lugo (PIF), e non padecer trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade.