O Concello de Lugo forma á veciñanza no uso de desfribiladores
O Concello de Lugo organiza para este venres un maratón formativo sobre o uso de desfibriladores que irá destinado a toda a veciñanza. O Maratón RCP enmárcase no programa posto en marcha polo executivo local, Lugo con Corazón, “co obxectivo de protexer á poboación fóra do ámbito hospitalario ante posibles infartos, mediante a dotación de desfibriladores”.
Neste senso, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que “hoxe mesmo comezou a instalación de 10 dispositivos que estarán a disposición dos usuarios, ante unha situación de emerxencia, nas prazas de A Milagrosa, Campo Castelo, Augas Férreas, O Castiñeiro, Fonte dos Ranchos, no entorno do parque Rosalía de Castro, da estación de ferrocarril e da ponte romana; así como nos ascensores de Fontiñas e do Sagrado Corazón”.
Estes súmanse aos 47 desfibriladores xa instalados en diferentes dependencias municipais, tanto da zona urbana como rural, que até o momento non dispoñían deles, así como aos 10 dispositivos móbiles cos que se dotou aos vehículos da Policía e outros servizos de emerxencia, e que poderán ser solicitados de xeito puntual polos colectivos e entidades da cidade.
Durante a xornada deste venres, monitores especializados impartirán formación para o uso destes aparellos de xeito simultáneo en diferentes zonas da cidade.
“O obxectivo non é outro que contribuir a salvar vidas, para o que resulta fundamental saber manexar os dispositivos rcp, pois somos conscientes de que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros minutos é imprescindible para elevar a taxa de supervivencia”, apuntou Lara Méndez, quen animou a toda a veciñanza a participar nas diferentes sesións que terán lugar ao longo do día, de forma totalmente gratuíta e sen necesidade de inscrición previa.
Cruz Vermella será a encargada de pór os monitores con formación homologada e acreditada, e o material necesario entre o que se atopa: un maniquí de SVB de adulto, con dispositivo de retroalimentación para calidade da RCP, un boneco pediátrico, un simulador de DEA de adestramento, con parches autoadhesivos, máscaras de ventilación ou máscaras protectoras para a docencia en ventilación, esterillas para o correcto desenvolvemento da actividade.
Ao evento tamén asistirá o Presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, Julián Pérez- Villacastín, así como persoal dos diferentes colexios sanitarios da cidade –Colexio de Farmacéuticos, Colexio de Médicos e Colexio de Enfermería– e do 061.
PROGRAMA
A inauguración da xornada será ás 13:00 horas, diante do Concello, na Praza Maior. Durante a mañá, de 13:00 a 15:00 horas, impartirase formación tanto na Praza Maior, como na Praza Horta do Seminario.
Mentres que, en xornada de tarde, este maratón celebrarase de 16:00 a 20:00 horas simultaneamente nas seguintes once prazas da cidade: Praza Maior, Praza Horta do Seminario, Praza de Augas Férreas, Parque de Paradai, Praza do Camiño Primitivo, Praza Roxa, Praza do Castiñeiro, Fonte dos Ranchos, Praza das Lavandeiras, Praza da Milagrosa e no Parque do Sagrado Corazón.