O Concello de Lugo formaliza a candidatura para ser sede da Axencia Estatal de Saúde Pública

LugoXa
A proposta conta co apoio unánime do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións, no que están representadas Concello, Xunta, Deputación e CEL
Pazo-de-Feiras-e-Congresos-de-Lugo
17 Jan 2026

O Concello de Lugo formalizou este venres a candidatura oficial da cidade para acoller a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP), entregando no prazo establecido toda a documentación requirida polo Goberno do Estado. A proposta presentada é unha candidatura de cidade, construída coa implicación das institucións, da Universidade de Santiago de Compostela a través do Campus de Lugo, do tecido empresarial e das principais entidades sociais do territorio, que achegaron cartas de apoio incluídas no expediente remitido.

A candidatura chega avalada, ademais, polo apoio unánime do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións, no que participan Concello, Xunta, Deputación e Confederación de Empresarios, o que reforza a solidez institucional dun proxecto concibido para representar a Lugo no ámbito estatal. Este consenso, sumado ao respaldo educativo, científico e económico, configura unha proposta compartida, sólida e capaz de mostrar a mellor versión da cidade nun proceso altamente competitivo. No expediente remitido ao Goberno do Estado inclúese tamén o apoio formal do Consello da Xunta de Galicia, tal e como recollen as bases. Para o alcalde, este respaldo “reforza a seriedade e a solvencia institucional da candidatura, nun proceso no que a cooperación entre administracións é decisiva”.

O alcalde, Miguel Fernández, destacou que Lugo “presenta unha candidatura construída con rigor técnico, con unidade institucional e cunha visión compartida sobre a oportunidade que supón acoller un organismo desta relevancia”. O rexedor agradeceu o traballo do equipo técnico municipal e de todas as entidades que colaboraron na elaboración do expediente, subliñando que “é unha demostración de que cando Lugo suma esforzos, pode competir con seriedade e con ambición responsable”.

No apartado técnico, a proposta recolle que Lugo conta con espazos operativos e dispoñibles de maneira inmediata para albergar a sede da Axencia, entre eles o Pazo de Feiras e Congresos, que ofrece unha superficie ampla, versátil e axeitada para cumprir cos requisitos do procedemento estatal. Estes elementos intégranse dentro dunha visión de cidade, que presenta as súas fortalezas en termos de accesibilidade, dimensión humana, proximidade, calidade de vida e capacidade de atracción de talento.

O alcalde insistiu, con todo, en que Lugo debe afrontar esta fase “con ilusión, pero tamén con prudencia e humildade”, lembrando que o proceso é moi esixente e que xa oficializaron a súa candidatura cidades como Granada, Oviedo ou Zaragoza, entre outras. “Somos conscientes do nivel competitivo, pero tamén de que Lugo está en condicións de presentar unha candidatura digna, solvente e ben fundamentada”, sinalou.

Fernández puxo en valor que a cidade presenta unha candidatura “que non é só dun Concello, senón dun territorio enteiro que entende que proxectar Lugo no mapa estatal é unha oportunidade colectiva”. E concluíu afirmando que “este proceso, independentemente do resultado final, xa demostra a capacidade de Lugo para unirse arredor dun obxectivo común e para mostrar, con orgullo, o seu potencial como cidade dinámica, cooperativa e con futuro”.

⚙ Configurar cookies
0.076127052307129