O Concello de Lugo garante o servizo de comedor escolar este novo curso

LugoXa
A área de Educación garante que o servizo de comedores escolares se continuará a prestar mentres continúe o procedemento de renovación do contrato
Imaxe recurso dun comedor escolar
Imaxe recurso
15 Ago 2024

A concelleira Maite Ferreiro respostou ás declaracións emitidas polo Partido Popular a respecto do servizo de comedores escolares nos centros públicos da cidade de Lugo. Ferreiro lanzou unha mensaxe de tranquilidade ás familias e afirmou que "desde o Goberno garantimos que os comedores seguirán a funcionar desde o día 1 do curso escolar 2024-25".

O departamento municipal de educación, xunto cos servizos responsables dos contratos municipais, está xa a traballar nunha nova valoración de custes, mentres que o servizo actual continuará a prestarse ata que se produza o relevo, "sen causar molestias ás familias nin alteracións no servizo", explicou Maite Ferreiro.

Ferreiro puxo en valor o traballo do persoal da concellería de Educación e a colaboración das equipas directivas dos centros que anualmente se leva a cabo de cara ao inicio de curso para organizar este servizo. "Desde a nosa chegada ao goberno conseguimos que todos os centros públicos de Lugo conten con servizo de madrugadoras e madrugadores, un servizo necesario para moitas familias debido ás súas xornadas laborais", explicou a concelleira.

Maite Ferreiro criticou que o Partido Popular "siga na liña da crispación e da mentira", e afirmou que "desde a concellería de Educación reclamamos en múltiples ocasións á Xunta que asuma as súas competencias en materia educativa, animamos unha vez máis ao Grupo Municipal do PP a sumarse á nosa reclamación". Segundo Maite Ferreiro, "resulta lamentable que o Concello teña que asumir este servizo pola única razón de que a Xunta se nega a facer o seu traballo".

0.19420409202576