O Concello de Lugo gravará ás distribuidoras de enerxía pola ocupación do espazo público
O Concello de Lugo informou, durante a celebración do Pleno ordinario correspondente ao mes de xuño, de que o Concello de Lugo dispón xa dunha nova taxa coa que a Administración local poderá gravar ás distribuidoras de enerxía pola ocupación que fan do espazo público.
A norma servirá para regular, baixo parámetros de equidade tributaria, o aproveitamento especial do dominio público - tanto no solo, como no subsolo e no voo – coa que se determinará o importe da afección que estas compañías ocasionan sobre os bens municipais ou comunais.
Unha contía á que se chegou tomando como referencia o valor que tería no mercado a utilidade derivada deses usos, atendendo a un informe técnico – económico no que xa se contempla a realidade do mercado. De maneira que a cota tributaria será o resultado de aplicar un tipo impositivo á base impoñible na que se ten en conta ese valor directo das instalacións e da súa ocupación.
“Por unha banda, aplicarase un tipo do 5% para os aproveitamentos especiais das instalacións tales como caixas de amarre, liñas subterráneas, torres metálicas, apoios, transformadores, depósitos ou outros elementos similares e, pola outra, o 2’5% para o aproveitamento dos restantes elementos tales como liñas aéreas ou cables de transporte de enerxía”, lembrou a tenente de alcaldesa Paula Alvarellos.
A área de Gobernanza, á que pertence Facenda Local, trasladaba hoxe á Corporación nunha dación en conta, a elevación definitiva desta e doutras Ordenanzas municipais que foron revisadas este ano. Entre as ordenanzas revisadas atópase a ordenanza fiscal xeral, pola tramitación electrónica; a reguladora das taxas polo servizo da auga, rexendo as bases polas que se rexe o consumo estimado; a reguladora das taxas do mercado, que regula o uso das instalacións para a realización de actividades culturais, sociais ou deportivas; a ordenanza reguladora das taxas das escolas infantís, recollendo a gratuidade dos segundos fillos e sucesivos.
Ademais, houbo modificacións na Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para adaptala á actual doutrina xurídica que reitera que non cabe equiparación automática entre a incapacidade permanente total e a minusvalía do 33% de discapacidade. E a Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto Sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, dando a posibilidade aos contribuíntes de escoller a fórmula de cálculo que consideren máis axeitada e proceder á súa autoliquidación.
Por outra banda, a edil Paula Alvarellos informou da sinatura dun Convenio coa Dirección Xeral do Catastro que permitirá a utilización conxunta de medios e servizos para efectivizar a xestión pública. “Unha colaboración que non conleva ningunha contraprestación nin ningún tipo de gasto pero que nos posibilitará aos dous organismos traballar sobre un modelo único de tramitación de determinados expedientes e procedementos e dispoñer de ferramentas actualizadas e dun mapa parcelario no que as incidencias ou discrepancias entre a información catastral e a realidade inmobliaria sexan as mínimas”, concluíu a responsable da área económica.