O Concello de Lugo homenaxea aos bailaríns e bailarinas de dúas escolas de baile luguesas

Os integrantes das escolas de baile Star Dance e Gravitty foron recibidos polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, quen os que felicitou polos excelentes resultados acadados ao longo da tempada e, en especial, polo seu papel destacado no Campionato do Mundo de Hip Hop celebrado o pasado mes de maio en Narón.
Neste evento internacional, no que participaron máis de 800 bailaríns e bailarinas de diversos países, Lugo estivo representada polas dúas academias, que competiron en catro categorías diferentes.
O balance da participación dos equipos lucenses foi moi positivo. A escola Gravitty logrou a medalla de bronce na categoría Megacrew e o quinto posto na categoría absoluta, mentres que os equipos de Star Dance acadaron un meritorio cuarto posto nas categorías júnior e absoluta, quedando a escasas décimas do podio. As coreografías foron moi valoradas polo xurado, destacando a calidade técnica e artística das representacións.
Durante o acto, o rexedor municipal quixo agradecer tamén o traballo do profesorado de ambas academias, que este ano celebran os seus aniversarios: 20 anos para Star Dance e 10 para Gravitty. Fernández salientou “o grao de implicación co baile pero tamén coa educación en valores que van máis aló do hip hop e das danzas urbanas; creando canteira pero tamén forxando o carácter das e dos bailaríns, e apostando por unha competitividade sá que non enfronta senón que aporta”.
Finalmente, puxo en valor o uso da danza como ferramenta de crecemento persoal e compromiso social, destacando a colaboración constante destas escolas con iniciativas impulsadas por asociacións sen ánimo de lucro da cidade. “Desde o Concello de Lugo sempre atopamos o apoio de Star Dance e Gravitty nas actividades que desenvolvemos”, concluíu.