O Concello de Lugo homenaxeará de forma póstuma a Paula Alvarellos co Premio Entremulleres

O Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade de Lugo mantivo unha nova sesión de traballo para avanzar na organización dos actos conmemorativos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, nun encontro marcado pola implicación activa das entidades que o integran e pola procura de consensos nas decisións adoptadas.
Durante a reunión analizáronse as diferentes iniciativas previstas para o 8-M, configurando unha programación diversa e representativa. Entre as decisións adoptadas mediante votación figura a concesión do Premio Entremulleres, a título póstumo, á alcaldesa Paula Alvarellos, en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu compromiso coa igualdade. A proposta contou co respaldo das entidades con dereito a voto, rexistrándose a abstención da representante do sindicato CCOO.
No mesmo ámbito, acordouse promover a elaboración dun estudo sobre as mulleres que desenvolveron a súa actividade laboral en Frigsa, como paso previo a un posible recoñecemento futuro deste colectivo co citado galardón.
Outro dos asuntos abordados foi a organización das concentracións na contorna da árbore da vida. O Foro decidiu modificar o horario habitual, que pasará das 12.30 horas ás 20.00 horas, co obxectivo de favorecer unha maior asistencia cidadá. Ademais, implantouse un sistema de rotación por orde alfabética para a lectura dos manifestos, garantindo que todas as asociacións integrantes poidan asumir esta responsabilidade de maneira equitativa e reforzando así o carácter participativo da iniciativa, evitando que a organización recaia exclusivamente no Concello.
Na sesión, Ángeles Novo informou tamén dos avances na tramitación para instalar pantallas informativas en Santo Domingo, unha demanda formulada no propio Foro. Segundo indicou, xa se conta coa autorización de Patrimonio e continúan os traballos administrativos necesarios para materializar esta mellora.