O Concello de Lugo impartirá formación e actividades deportivas nas instalacións municipais
O Concello de Lugo mobilizará un total de 1.171.222 euros para impartir formación e actividades deportivas nas instalacións municipais durante o próximo ano.
A Xunta de Goberno aprobará mañá a segunda prórroga do contrato co que se pretende ofertar á veciñanza unha ampla programación de ocio saudable.
O prego, renovado a principios de mandato, incluía, entre outras melloras a ampliación do horario das piscinas cubertas de Frigsa que abren as súas portas ás 7 da mañá para que a cidadanía poida facer uso delas, se o desexan, antes de ir a traballar. E no caso das Pedreiras, as instalacións non pechan tampouco ao mediodía en días laborais e poden empregarse tamén os domingos pola mañá.
Aspectos, todos eles, que segundo indicou o edil “teñen en conta as necesidades e demandas das e dos usuarios dos centros deportivos da capital, co obxecto de poder ofrecerlles un servizo máis eficaz”.
“Alén dese incremento, a prestación experimentou melloras relacionadas co mantemento, a limpeza e a conservación das dependencias, na atención ao público e mesmo no seguimento das queixas e suxestións realizadas así como o reforzo dos medios dispoñibles para dar unha resposta áxil as posibles incidencias que poidan producirse”, indicaron dende o Concello.
Xa noutra orde de asuntos, igualmente na sesión desta semana, o equipo de Goberno autorizará a adxudicación, en dous lotes, de placas balísticas (36.971 €) e de uniformes (33.548 €) para a Policía Local así como a continuidade do servizo de reparacións na rede de saneamento.
Por outra banda, se outorgarán tres licenzas urbanísticas para proceder á modificación da distribución e da escaleira dun inmoble na rúa San Pedro (12.732 €) e da estrutura de dúas naves en construción no polígono das Gándaras (20.644 € e 18.094 €)