O Concello de Lugo implantará unha plataforma Smart para mellorar os servizos públicos
O Concello de Lugo contará próximamente cunha plataforma de xestión integral de servizos públicos Smart. Unha ferramenta, que se habilitará ao abeiro da Estratexia Dusi – Muramiñae e cuxa posta en marcha obedece ao impulso dado neste mandato pola alcaldesa, Lara Méndez, á modernización tecnolóxica da Administación local.
A Xunta de Goberno autorizou hoxe a apertura do procedemento para a súa subministración, que comprende un prazo de – como máximo – 12 meses para a súa instalación e outro de 2 anos para o soporte e mantemento, que poderá ser ampliado ata as 4 anualidades.
A propia rexedora explicou que “esta Plataforma é unha solución tecnolóxica que permitirá realizar unha xestión máis eficiente na prestación dos servizos públicos e que mesmo contribuirá a definilos novamente buscando unha reconsideración das relacións coa veciñanza, o resto de entidades e mesmo co tecido produtivo”.
Así, “o que buscamos é habilitar unha sorte de cerebro que sexa capaz de conectar todos os elementos e módulos que interveñen na captura, tratamento, análise e publicación de información municipal, facilitando a súa conexión con outros sistemas actualmente operativos e mellorando a conectividade pero tamén a accesibilidade e participación cidadá”, engadiu Lara Méndez.
A licitación, que ten un orzamento base de 322.000 euros, permitirá á Institución dotarse de elementos hardware e software que melloren e abran novas canles de comunicación, propiciando o coñecemento transversal do estado dos servizos públicos e incrementando a súa capacidade de resposta así como a inmediatez das intervencións. Tamén posibilitará a dotación de maior capacidade para o análise de datos, aumentando a transparencia e o seu desenvolvemento aberto como xa contempla o proxecto Lugo Smart City.
“Será, por tanto, un salto cualitativo na interoperabilidade do Concello para o que valoraremos, especialmente, a súa integración coas solucións informáticas das que xa dispoñemos, a utilidade práctica que acade e a calidade que logre na presentación da información e no reflexo que faga da imaxe corporativa”, sinalou a rexedora.
OUTROS ASUNTOS
Por outra banda, o Executivo de Lara Méndez aprobou esta mañá a concesión de catro licenzas para diferentes actuacións urbanísticas no termo municipal.
A máis destacada é a que permitirá á Fundación Amancio Ortega construír un edificio destinado a residencia para persoas maiores na rúa Serra Gañidoira.
A alcaldesa subliñou a celeridade coa que foi tramitada “tendo en conta que foi autorizada tan só catro días despois de que a institución realizase o depósito correspondente á garantía das obras, paso indispensable para validala”. A actuación, segundo indicou Lara Méndez, “suporá un investimento de 8.672.000 euros pero, sobre todo, implicará a creación de novas infraestruturas que pasarán a prestar unha atención indispensable para a sociedade lucense e das que até agora o noso concello era deficitario pola escaseza de dotacións públicas existentes, en comparación coa demanda actual e coas esixencias da pirámide de poboación”.
Igualmente, o equipo de Goberno deu o visto bo á a restauración do claustro da Catedral de Santa María de Lugo (411.732 euros), á substitución dun box de limpeza manual por unha ponte automática nun centro de lavado en Benigno Rivera (18.301€) e á rehabilitación da cuberta dunha edificación tradicional en Meilán (10.499 €).