O Concello de Lugo impulsa a rehabilitación da Fábrica da Luz para convertela nun centro de enogastronomía

O Concello de Lugo vén de adxudicar a redacción do proxecto e a execución dos traballos de rehabilitación da antiga Fábrica da Luz e a súa contorna, coa finalidade de transformala nun moderno centro de enogastronomía.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), 'Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía', financiado cunha achega de 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation.
A empresa encargada dos traballos será Citanias Obras y Servicios SLU, cun orzamento de 554.212,94 euros. O proxecto prevé un prazo dun mes para a presentación definitiva da proposta de obra, que será supervisada e aprobada antes de iniciar os traballos. Posteriormente, contarase cun prazo de catro meses para a execución da rehabilitación, que comezará unha vez realizada a comprobación do replanteo.
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou a importancia estratéxica desta actuación, subliñando que "a recuperación da Fábrica da Luz permitirá dotar a Lugo dun espazo único, que combine a posta en valor do noso patrimonio cunha proposta innovadora para a promoción dos produtos locais e da gastronomía como atractivo turístico".
O novo centro de enogastronomía consolidarase como un referente dentro do modelo de turismo sostible polo que aposta o Concello de Lugo, aliñado coas políticas de transformación e resiliencia da Unión Europea. "Queremos que Lugo sexa un destino de calidade, que atraia visitantes interesados na nosa cultura e tradicións, pero también que esta iniciativa xere novas oportunidades para o sector hostaleiro e comercial da cidade", engadiu Repetto.
O edil resaltou ademais o traballo de planificación desenvolvido a través da Mesa de Participación, na que representantes do sector turístico, hostaleiro, empresarial e académico achegaron propostas para definir o modelo de xestión do futuro centro. "A nosa intención é que este espazo sexa un polo dinamizador do turismo e da economía local, integrando a colaboración público-privada para garantir o seu éxito a longo prazo", afirmou.
Para a posta en marcha desta iniciativa, o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asinaron un convenio que concede ao municipio unha concesión de 50 anos sobre o complexo, permitindo a súa recuperación e posta en valor. "Grazas a este convenio, non só recuperamos un edificio de gran valor histórico e patrimonial, senón que o transformamos nun centro de referencia para a divulgación da nosa enogastronomía e da sostibilidade ambiental", explicou Repetto.
A iniciativa conta co respaldo dos principais axentes do sector turístico e gastronómico, ademais de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela e o Clúster de Turismo de Galicia. "Estamos a falar dun proxecto avalado pola cidadanía e polos profesionais do sector, que consideran esta proposta clave para posicionar Lugo como un destino enogastronómico de referencia", concluíu o concelleiro.