O Concello de Lugo impulsa melloras no Polígono do Ceao para aumentar a seguridade viaria

LugoXa
As actuacións inclúen sinalización, renovación de beirarrúas e asfaltado de rúas con elevado tráfico pesado
mellor-sinalización-polígono-do-Ceao-Lugo
13 Sep 2025

No Polígono do Ceao executáronse diferentes actuacións dentro do plan de renovación da sinalización horizontal, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nunha zona que soporta un importante tráfico pesado.

Entre os traballos programados destaca a próxima renovación do asfalto na rúa da Agricultura, cun orzamento de 143.320,20 euros, que inclúe a substitución de tubaxes de fibrocemento por fundición dúctil e a renovación da capa de rodadura en quente mantendo a cota do pavimento.

Ademais, está prevista a renovación das beirarrúas en diferentes rúas do polígono, con 818 metros de novo formigón que ofrecerá maior resistencia ás cargas de vehículos e menor mantemento que as baldosas anteriores. Tamén se intervirá na rúa da Industria, reconfigurando a mediana para mellorar a fluidez do tráfico e a maniobrabilidade dos vehículos industriais.

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, destacou que estas actuacións supoñen "unha importante mellora para o polígono do Ceao" e subliñou que a Tenencia de Alcaldía continúa a traballar na mellora das áreas industriais da cidade, mantendo un especial esforzo na seguridade viaria e destinando cada ano unha partida orzamentaria significativa para o mantemento destas vías.

⚙ Configurar cookies
0.095659017562866