O Concello de Lugo impulsa novas axudas para libros e material escolar con 400 vales de 100 euros

O Goberno local aprobará o inicio do proceso para adxudicar os vales da Concellería de Educación destinados a libros de texto e material escolar.
"Un ano máis, traballamos con tempo para que a entrega destes vales coincida co inicio do curso escolar escolar", declarou Arroxo, que engadiu "desde a concellería de Educación esforzámonos en facilitar ás familias, no menor prazo de tempo posíbel, esta axuda que serve para garantir o acceso ao material a moitas nenas e nenos".
A concellería de Educación entregará 400 cheques de 100 euros, ata completar un total de 40.000 euros dedicados a esta liña de axudas.
O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope no 85% do IPREM.
A información poderá consultarse nos vindeiros días, unha vez se publique a convocatoria no BOP. Arroxo anunciou que a Tenencia de Alcaldía aprobará tamén o inicio de contratación da producción e dos medios técnicos (iluminación, sonorización, infraestruturas e equipamento) para as distintas actividades culturais a realizar na rúa durante o verán.
Arroxo afirmou que "cada ano, as rúas de Lugo énchense de cultura nos meses de verán con actividades como Tarde e Tardiña, Versos na Barraca ou o Muralleando, o ciclo de concertos que converte a praza da Mosqueira nun gran escenario para as agrupacións de Lugo".