O Concello de Lugo impulsa novos proxectos de rexeneración urbana a través da arte

LugoXa
Un dos primeiros proxectos será a intervención nas escaleiras que unen a rúa Santiago con Ciudad de Viveiro, un espazo que será rehabilitado a través dun mural artístico
Escaleiras-da-Rúa-Santiago-Lugo
12 Mar 2025

O Concello de Lugo, a través da súa Área de Xuventude, levará a cabo novos proxectos de rexeneración urbana mediante a arte, transformando espazos públicos da cidade e dotándoos de novas cores e significados.

Un dos primeiros proxectos será a intervención nas escaleiras que unen a rúa Santiago con Cidade de Viveiro, un espazo de tránsito con aspecto sombrío, que será rehabilitado a través dun mural artístico. Este mural estará a cargo dos artistas locais Diego As e Pablo Lage, e busca humanizar e embellecer a zona, recuperando así este espazo público.

En relación á intervención nas escaleiras da rúa Santiago, os propios artistas explican que este tipo de espazos urbanos "son frequentemente ignorados". Con este mural, non só se busca embelecer, senón darlle un propósito máis significativo ao espazo, converténdoo nun punto de interese e orgullo para a comunidade. Diego As tamén subliña que se elixiron materiais especiais para garantir a durabilidade do mural, dado o alto tránsito que experimentan estas escaleiras.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, explicou que esta actuación se complementa con outras previstas para este ano. "A intervención nas escaleiras situadas fronte ao colexio das Pepas, sumada á mellora do barrio de Fingoi a través do proxecto Urban Cores e á renovación da praza do Castiñeiro, son algúns dos proxectos que van mellorar a estética e funcionalidade de diferentes puntos da cidade", destacou Bustos. O proxecto tamén inclúe un novo deseño para a praza do Castiñeiro, que traerá cores e elementos que serán especialmente atractivos para o público infantil.

No caso da praza do Castiñeiro, unha das accións máis destacadas será a renovación dun mural que presidirá o espazo, substituíndo a pintura antiga, que se atopa moi deteriorada. O novo deseño será integrado no contorno, mantendo algúns elementos do anterior, como a figura de Einstein, e mellorando a estética do lugar cun deseño que tamén incorporará elementos como a canastra de baloncesto ou o centro xuvenil.

OTRAS ACTIVIDADES SOBRE A ARTE URBANA

A área de Xuventude tamén está a traballar no desenvolvemento dunha xornada de divulgación da arte urbana chamada ‘Senda rachada’. Este evento contará con artistas locais consolidados e emerxentes, e ten como obxectivo dar visibilidade á presenza da muller neste campo artístico, cada vez máis importante. A xornada servirá como plataforma para a difusión e a celebración da arte urbana en Lugo.

Por outra banda, o Urban Cores, un dos proxectos máis exitosos de rexeneración urbana de Lugo, celebrará a súa cuarta edición a finais do mes de maio, e nesta ocasión, o barrio de Fingoi será a zona escollida para as intervencións artísticas. Este proxecto conta cun historial de éxitos, como as melloras realizadas na rúa Esquecemento ou nas Casas Sindicais, e agora centraranse na rehabilitación de Fingoi, cun equipo de artistas locais.

⚙ Configurar cookies
0.63832902908325