O Concello de Lugo impulsa obradoiros de bolillos e melloras en contornas escolares

A área de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo aprobou na Xunta de Goberno local a contratación de obradoiros de encaixe de bolillos, destinados ás asociacións veciñais do municipio.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou que estas actividades “están a ter unha excelente acollida entre a veciñanza” e explicou que o contrato inclúe 42 horas de formación repartidas entre diferentes asociacións. O prezo de saída do contrato é de 1.890 euros e a súa vixencia estenderase ata o 31 de decembro de 2026, con prórrogas de ata dous anos.
Arroxo recordou que durante o ano pasado se organizaron 14 cursos de diversas temáticas, como cerámica, bolillos, repostería e informática, xunto a 22 accións relacionadas coa saúde, entre elas primeiros auxilios e prevención do ictus, en colaboración coa Cruz Vermella, dentro das actividades de dinamización que oferta a área de Participación.
Ademais, anunciou a aprobación da primeira prórroga do contrato de subministración de valos para eventos culturais e festivos, que asegura a instalación e retirada de valados en citas multitudinarias como a Cabalgata de Reis, o Entroido, a Semana Santa ou o San Froilán. O contrato anual, cun importe de 4.620,93 euros, cubrirá desde o 28 de febreiro de 2026 ata o 27 de febreiro de 2027, garantindo a seguridade e o bo desenvolvemento das actividades.
Arroxo tamén informou do inicio dunha nova fase do plan de mellora das contornas escolares, centrada na rúa Montirón, arredor do Colexio As Mercedes. As obras consisten principalmente no ensanchamento da beirarrúa diante do colexio para facilitar os accesos e reforzar a protección dos nenos e nenas nas entradas e saídas. Con esta actuación, a Tenencia de Alcaldía continúa avanzando para que todas as crianzas de Lugo dispoñan de espazos seguros nos arredores dos seus centros escolares, consolidando unha cidade máis amable e protexedora.