O Concello de Lugo impulsa proxectos clave de urbanismo para mellorar a cidade

Nos últimos meses, o Concello de Lugo avanzou en diferentes proxectos estratéxicos para o desenvolvemento urbano da cidade. Entre eles, destaca o desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, Duquesa de Lugo, impulsado pola Deputación Provincial, unha actuación que mellorará tanto a mobilidade como a seguridade viaria.
En paralelo, tamén se rexistraron avances na tramitación do proxecto de urbanización do Polígono único S-16R, actualmente en fase de avaliación ambiental e con informes sectoriais solicitados. O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, destacou a importancia de “manter o equilibrio entre o crecemento e a calidade urbana, apostando por un modelo de cidade sostible e amable, que combine espazo público, vivenda e servizos”.
O Concello avanzou igualmente nos proxectos de compensación urbanística, fundamentais para a ordenación do solo e a futura implantación de novos servizos e vivendas. Un indicativo do dinamismo urbanístico da cidade é a constitución de novas Xuntas de Compensación, como as dos sectores S-16R e S-5I, promovidas polas entidades Bipahura S.L. e Dmanan, respectivamente. Estes avances permiten mobilizar solo urbanizable, facilitando proxectos residenciais e melloras en infraestruturas, aumentando o parque de vivendas e optimizando a mobilidade.
Ademais, continuou a revisión e recepción das obras de urbanización xa executadas, paso imprescindible para poñer en servizo novos espazos e habilitar licenzas de edificación. Xa foi recibida a unidade de actuación Norte 26 (URPI 11), mentres que os procesos de recepción das urbanizacións de Saamasas e Río Eo avanzan de forma significativa, pendentes só de informes técnicos ou emendas menores.
O Concello tamén avanzou en diferentes procesos de expropiación forzosa, tanto de propietarios non incorporados ao Sector S-16R como no expediente do Sagrado Corazón, promovido directamente polo Concello e remitido xa ao Diario Oficial de Galicia. Estas actuacións permiten garantir seguridade xurídica e desbloquear proxectos urbanísticos de interese público, cumprindo a normativa e mantendo a equidade nos procesos.
“O traballo destes últimos meses mostra un departamento en plena actividade, con múltiples proxectos en execución e outros en fase avanzada de tramitación, que confirman o papel do Concello de Lugo como motor do desenvolvemento económico, a planificación ordenada e a creación de emprego. O urbanismo non é só administrativo, é un motor económico e social. Cada proxecto impulsado desde o Concello significa novos empregos, máis investimento e máis oportunidades para Lugo”, concluíu o concelleiro Jorge Bustos.