O Concello de Lugo impulsa un curso de restauración de mobles en San Lázaro

A Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo iniciou un novo curso de restauración de mobles na Asociación de Veciños de San Lázaro, unha actividade que está a rexistrar unha elevada participación e moi boa acollida entre a veciñanza do barrio da Ponte.
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, xunto á concelleira de Participación, Cristina López, asistiron ao comezo do curso, onde destacaron a importancia de impulsar este tipo de iniciativas nas parroquias do rural. “Seguimos traballando para achegar actividades que respondan aos intereses da veciñanza e que lles permitan adquirir coñecementos útiles para o día a día”, sinalou López.
O curso céntrase na aprendizaxe de técnicas básicas de restauración e conservación de mobles, abordando cuestións como a preparación das superficies, o lixado, a reparación de pequenos danos ou a aplicación de diferentes acabados. Os participantes combinan contidos teóricos con sesións prácticas nas que aplican directamente o aprendido.
A edil de Participación tamén puxo en valor o compoñente social destas actividades: “Ademais de aprender novas habilidades, estes cursos convértense en espazos de encontro que fortalecen a convivencia nas parroquias e fomentan a participación activa da comunidade”.
Esta iniciativa forma parte da programación formativa que a Tenencia de Alcaldía desenvolve ao longo do ano co obxectivo de dinamizar a vida nas parroquias e facilitar á cidadanía o acceso a novas oportunidades de aprendizaxe.