O Concello de Lugo incorporará 67 desfibriladores nas instalación municipais e prazas
O Concello de Lugo aprobará en Xunta de Goberno Local a adxudicación que permitirá instalar 67 desfibriladores que axuden a actuar canto antes ante posibles infartos, dos que 47 irán en edificios e instalacións municipais e 10 serán móbiles para os coches da Policía Local e os servizos de emerxencias. Ademais, se incluirán 10 tótems para colocar no exterior.
A empresa adxudicataria para a subministración, instalación e mantemento integral foi Esforem Formación de Emergencias, por un importe de 148.078 €. “Esta iniciativa responde ao noso compromiso pola saúde. Desde o Concello cremos de especial importancia investir en salvar vidas, tendo en conta que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible xa que eleva as taxas de supervivencia entre o 49 ao 75%. En cambio, cada minuto que esta acción se atrasa redúcese a probabilidade de supervivencia entre un 10 e un 12%”, segundo lembra a rexedora.
Con esta iniciativa, incluída no programa ‘Lugo con Corazón’, Lugo situarase moi riba da ratio recomendada por Europa de 10 desfibriladores por cada 10.000 habitantes, converténdose na cidade máis cardioprotexida das grandes cidades galegas e incluso do Noroeste peninsular.
A área de Benestar Social, dirixida por Olga López será a encargada de supervisar a colocación e o seguemento do funcionamento dos desfibriladores. A concelleira avanzou que coa instalación dos desfibriladores poranse en marcha cursos de formación para o seu correcto uso, que recibirán os empregados municipais das distintas dependencias, e que están “baseados nun mecanismo moi sinxelo, pero que, en caso de urxencia, debe aplicarse correctamente e o máis rápido posible xa que o tempo de reacción é clave”, sostivo a edil.
Os desfibriladores son aparellos sanitarios indispensables para a prevención de situacións que demandan unha urxente atención sanitaria con risco para a vida. O modelo que estará operativo nas dependencias públicas de Lugo, pesa aproximadamente 1,8 kg, está dotado dunha pantalla con indicacións de tempos e número de descarga. Entre as melloras presentadas pola adxudicataria, inclúese a ampliación de caducidade da batería de 2 a 4 anos; a substitición, sen custo, da batería unha vez superada a caducidade establecida; o aumento do tempo de mantemento dos equipos de 4 anos a maiores dos 3 anos obrigatorios, a implantación dos 10 tótems externos con desfibrilador, así como un programa de formación RCP básica, a maiores da esixida para o primeiro ano.