O Concello de Lugo incrementa a eficacia do servizo de control de pragas cun maior orzamento

LugoXa
A área de Medio Ambiente aumentou en máis dun 30% o presuposto destinado o control de pragas para de atender ás novas rúas e canalizacións.
Miguel Fernandez zonas verdes
27 Ago 2022

A área de Medio Ambiente, que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, vén de incrementar en máis dun 30% (pasando de 36.000 a 48.000 € anuais) o orzamento destinado ao control de pragas no municipio.

O novo contrato, que se atopa en vigor dende o pasado 29 de xullo, ten por obxectivo incrementar a eficacia do servizo de prevención da lexionelose e desratización da cidade, ampliando non só o número de actuacións que contempla, senón tamén incorporando ás mesmas as novas vías do rueiro municipal e as súas canalizacións (redes semafóricas, de iluminación e de sumidoiros).

Porén, o concelleiro aclarou, en primeiro termo, que “resulta fundamental sinalar que a eficiencia destes tratamentos non se consegue incrementando desmesuradamente o número de cebos colocados. Non se trata de exterminar a especie porque a súa presenza - sempre baixo control, iso si – contribúe a xestionar os detritus humanos, ao tempo que un exceso na dose deste tipo de produtos, tería unha repercusión nefasta para o medio natural”, sinalou.

Miguel Fernández referiu que, “máis aló da ampliación da cobertura desta prestación ás novas rúas do concello, dende o Executivo de Lara Méndez quixemos incidir na planificación dos traballos e na súa frecuencia, segundo a realidade que existe nas diferentes zonas da capital”.

Así, deu conta de que nos últimos pregos xa se incluíu a necesidade de realizar, como paso previo ao programa de intervención, unha diagnose da situación, dividindo o municipio en sectores e trasladándoo a un mapa de distribución en función da densidade de poboación que acolle cada un, os puntos de control que precisa establecer, a identificación das especies que se reproducen nesa contorna e outra serie de vectores como o seu ciclo vital, o hábitat ou os costumes dos organismos a combater.

“Este estudo preliminar dos factores ambientais, estruturais e hixiénico – sanitarios de cada zona nos permitirá artellar unha resposta específica en cada caso que incidirá directamente sobre a súa eficacia, permitindo un uso moito máis consciente e proporcionado dos tratamentos e unha maior rendabilidade do servizo”, indicou o tenente de alcaldesa.

Fernández relatou, igualmente, que, a continuación, a empresa adxudicataria (Sanal Control Medioambiental) deseñará o programa de actuación no que se recolla a estratexia a seguir e o seu calendario, “posibilitando intervir naqueles lugares nos que se detecte algunha urxencia ou necesidade puntual, mentres se desenvolve o labor ordinario. Un obxectivo para o que foi habilitado un teléfono de contacto directo, o 637.84.31.44, a través do cal a cidadanía pode comunicar os seus avisos, de luns a venres, en horario de 08:00 a 17:00 horas.

O contrato inclúe, entre outras tarefas, dúas fases de choque en primavera e outono, coa colocación de cebos nos pozos dos sumidoiros, atendendo ao deseño urbanístico da cidade e a cocientes derivados de criterios técnicos (número de habitantes dos barrios, etc), pero tamén outras puntuais en atención a situacións concretas, así como a desratización permanente en superficie mediante portacebos de seguridade (en enclaves sen acceso para persoas nin mascotas) que terá unha supervisión semanal.

O concelleiro responsable de Medio Ambiente avanzou que para a elección dos biocidas empregados se terá preferencia por aqueles que sexan máis selectivos coa especie diana e de menor toxicidade para os humanos e resto de animais, ao igual que a técnica de aplicación, que será a de maior inocuidade ambiental, dando prioridade sempre aos tratamentos localizados que eviten o risco de diseminación non controlada.

Xa para concluír, o edil fixo fincapé na importancia do civismo para evitar que roedores e insectos saían á superficie en busca de restos que se depositan fóra dos colectores.

Por iso cómpre tomar consciencia do papel que desempeñamos cada un e da importancia que ten a nosa conduta, especialmente no que ten que ver con manter as propiedades privadas limpas e sen maleza que lles sirva de refuxio e desbotar os residuos dentro dos contedores, sen amorealos na rúa”, concluíu Miguel Fernández ao tempo que subliñou o cambio que suporá para este fin a reposición e incremento do número de recipientes que, a estes efectos, xa contempla o novo servizo de limpeza viaria e recollida de lixo.

0.17153382301331