O Concello de Lugo informa do corte provisional do carril esquerdo dun tramo da Ronda da Muralla

O Concello de Lugo cortarase, de forma provisional, o carril esquerdo da Ronda da Muralla nun pequeno tramo comprendido entre Nicomedes Pastor Díaz e a Rúa Castelao o vindeiro luns, 28 de abril.
O obxectivo é habilitar unha zona de acopio de materiais necesaria para avanzar nas obras de peonalización da Rúa do Teatro, enmarcadas no proxecto 'Corazón Verde entre Murallas: Praza de Santo Domingo e Rúa Teatro'.
Con motivo de que as obras entran na súa recta final, nos próximos días comezarase a actuar nun novo carril da Rúa do Teatro. Para facilitar e axilizar esta intervención, o Concello atendeu a solicitude da empresa adxudicataria de reservar unha zona próxima á actuación para o almacenamento de materiais.
Esta medida permitirá dispoñer do material a menor distancia da obra, evitando a circulación de vehículos pesados sobre o novo pavimento, reducindo riscos de interferencia entre maquinaria e peóns, e mellorando a seguridade e o rendemento dos traballos. Ademais, contribuirá a liberar a Praza de Santo Domingo dos actuais acopios.
O corte afectará un pequeno tramo da Ronda da Muralla que conta con tres carrís, mantendo dous operativos: o da dereita, para descenso cara á Rúa Castelao; e o central, que pasará a funcionar temporalmente como carril esquerdo, permitindo continuar de fronte ou acceder ao centro histórico a través da Rúa do Teatro e a Praza de Santo Domingo.
Este corte manterase, previsiblemente, ata a finalización prevista da obra, o 15 de xuño.
O Concello lembra que o acceso ao centro histórico continúa limitado a aparcadoiros de uso público, residentes e vehículos autorizados, e lamenta as molestias que esta medida poida ocasionar, agradecendo a comprensión e colaboración da veciñanza mentres se avanza cara a un espazo máis amable, accesible e sostible para todas e todos.