O Concello de Lugo inicia a actualización do regulamento do Consello Escolar Municipal

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, informou dos asuntos aprobados hoxe na Xunta de Goberno Local referentes ás áreas da Tenencia de Alcaldía, entre os que se inclúen procedementos en Educación, Participación e Infraestruturas.
Arroxo anunciou a aprobación inicial da modificación do regulamento do Consello Escolar Municipal, un documento que, segundo explicou, data de 1997 e precisa dunha revisión reclamada pola comunidade educativa para mellorar o seu funcionamento. Con esta aprobación iníciase o proceso de cambio do regulamento, xa validado no último Consello Escolar Municipal, que agora deberá someterse a exposición pública e debate no pleno.
Entre as novidades destacan a redución do tempo de espera na segunda convocatoria das reunións, que pasa dunha hora a 30 minutos, así como unha modificación na representatividade, que contará con dous membros de primaria e dous de infantil, fronte á composición anterior con dous de primaria e un de infantil. Tamén se simplifican os procedementos de votación e elección do alumnado tras detectarse complicacións no sistema previo.
O responsable municipal anunciou ademais a aprobación dunha subvención nominativa para a Asociación Lucense de Futbolín, destinada á organización do Campionato de España celebrado recentemente na Praza de Abastos, cun importe de 3.500 euros.
Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde a unha corrección técnica no prego de cláusulas administrativas da reurbanización do Carril das Flores, un axuste menor detectado despois da aprobación da licitación na sesión anterior.
En resposta ás preguntas dos medios, Arroxo referiuse tamén á situación do comedor do CEIP Fingoi 2, indicando que as áreas de Educación e Urbanismo están a traballar para ofrecer unha solución provisional. O tenente alcalde deixou claro que a instalación dun galpón non pode ser considerada unha resposta definitiva, senón só unha medida temporal, e reclamou que a Xunta de Galicia asuma unha solución estable, xa sexa mediante a ampliación do edificio ou coa construción de novas instalacións que garantan un comedor escolar en condicións.