O Concello de Lugo inicia a organización da IV edición do Lucus Music Festival

LugoXa
O evento, consolidado como unha das citas máis destacadas do verán lucense, reúne en cada edición centos de asistentes nos seus concertos e actividades formativas
Lucus-Music-Festival
24 Mar 2025

O director artístico Cristóbal Soler reuniuse con Rubén Arroxo e Maite Ferreiro para comezar a organización da cuarta edición do Lucus Music Festival, que volverá converter a cidade nun punto de encontro musical e formativo de referencia.

O evento, consolidado como unha das citas máis destacadas do verán lucense, reúne en cada edición centos de asistentes nos seus concertos e actividades formativas.

Segundo destacou Maite Ferreiro, o festival manterá o seu carácter multidisciplinar, combinando actuacións abertas ao público con formación especializada para futuras directoras e directores de orquestra.

“A cita consolidouse como un referente imprescindible dentro da oferta cultural da cidade, favorecendo a participación cidadá e enriquecendo o verán lucense a través da música”, explicou a concelleira. Tamén puxo en valor a proxección internacional do festival, que atrae a Lugo a músicos, intérpretes e profesionais do sector de diferentes partes do mundo.

Cristóbal Soler, que volverá asumir o papel de director artístico e profesor de dirección, destacou a importancia de xerar novas oportunidades formativas para talentos emerxentes, que poderán aplicar os seus coñecementos nas actuacións abertas ao público durante o festival.

A programación da IV edición incluirá concertos gratuítos en espazos emblemáticos da cidade, como a Praza Anxo Fernández Gómez, a Casa do Saber, a Praza Maior, o Vello Cárcere e a Igrexa de San Pedro, reforzando así o vínculo entre a música e o patrimonio urbano de Lugo.

Desde a Área de Cultura, o Concello reafirma o seu compromiso coa difusión e promoción da música, consolidando o Lucus Music Festival como un evento de referencia tanto a nivel nacional como internacional, que combina excelencia artística, formación e participación cidadá.

⚙ Configurar cookies
0.73463988304138