O Concello de Lugo inicia a poda de árbores na contorna da Ponte da Estación

O Concello de Lugo comezou os traballos de poda e roza de árbores na contorna da Ponte da Estación co obxectivo de mellorar a visibilidade tanto para os peóns como para o tráfico rodado. A actuación, impulsada desde a Concellería de Transición Ecolóxica, responde a unha solicitude trasladada pola área de Alcaldía tras unha reunión mantida polo alcalde cos veciños e veciñas da zona.
Os labores iniciáronse a primeira hora do día coa intervención de varios operarios da brigada municipal de Parques e Xardíns, que comezaron coa roza da vexetación nas beirarrúas. Estes traballos continuarán mañá, xornada na que está prevista a poda das árbores de maior porte, completando así a actuación prevista neste ámbito.
Para o desenvolvemento destas tarefas contouse coa colaboración doutras áreas municipais. A Policía Local encargouse de delimitar e valar a zona de intervención para garantir a seguridade, mentres que os Servizos Eléctricos do Rural achegaron un camión con cesta elevadora que permite acceder ao ramaxe máis alto e executar os traballos con maiores garantías.
A actuación desenvolverase en ambas marxes da Ponte da Estación, incluíndo o treito máis próximo á avenida Adolfo Suárez e tamén o aparcadoiro situado xunto á ponte. Unha vez finalizada a roza inicial, a poda prevista para mañá permitirá mellorar a visibilidade dos vehículos que circulan por esta vía, polos accesos ao aparcadoiro e pola propia ponte, así como facilitar o tránsito peonil, reforzando así a seguridade viaria nun punto especialmente sensible da cidade.