O Concello de Lugo inicia a renovación do asfalto en varios viais do núcleo de Castelo de Abaixo

O Concello de Lugo comezará esta semana a renovación do firme en tres viais do núcleo de Castelo de Abaixo. As actuacións contemplan diferentes solucións técnicas en función das características de cada vía, co obxectivo de mellorar os accesos e garantir a seguridade viaria.
Na pista de acceso ás vivendas 60 e 61 instalarase unha nova capa de rodadura con mestura en quente, mentres que na pista que conduce ás vivendas 48-52 optouse por un pavimento de formigón, dado o reducido tamaño do camiño, que impide o paso da maquinaria habitual para asfaltado, e a proximidade de muros de pedra que requiren un reforzo adicional. Ademais, na pista que une a Casa Outeiro con Barbaín ampliarase a calzada existente, incorporando un pavimento de formigón cunha cuneta remontable formigonada duns 10 centímetros de espesor.
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, explicou que estas intervencións responden ao obxectivo de manter en bo estado tanto as zonas urbanas como as periurbanas, atendendo as demandas veciñais e garantindo accesos de calidade. Engadiu que cada obra está planificada coa solución técnica máis axeitada, co fin de ofrecer un resultado duradeiro.