O Concello de Lugo inicia a tramitación para adherirse ao sistema VioGén

LugoXa
O Concello de Lugo inicia a tramitación para adherirse ao sistema VioGén de protección ás vítimas de violencia de xénero
violencia de xenero
26 Abr 2023

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que o Concello vén de iniciar a tramitación para adherirse ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero, VioGén.

“Trátase dunha ferramenta de protección integral que contribuirá a garantir, xunto ao resto de medidas habilitadas dende as distintas Administracións con competencias na materia, a seguridade das agredidas e dos seus fillos e fillas”, resumiu a rexedora.

Este foi un dos asuntos que a mandataria lucense abordou durante a reunión semanal co Intendente da Policía Local, Jesús Piñeiro, xa que será este Corpo o encargado de solicitar á Policía Nacional a elaboración dun convenio de colaboración no que se recollan os protocolos de actuación a seguir, en coordinación co resto das forzas de seguridade do Estado.

“O obxectivo é ampliar as garantías e o nivel de vixilancia que se realizará a estas mulleres e ás súas crianzas para o que prevemos a creación dunha unidade de axentes que terá como principal cometido realizar un control aos casos que xa se atopan en seguimento no municipio”, sinalou Méndez.

A rexedora enfatizou o labor preventivo que permitirá exercer o VioGén, xa que posibilita a emisión de alertas ou alarmas – a través do Subsistema de Notificacións Automatizadas - cando se detecta algunha incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima.

“Favorece unha intervención directa entre as mulleres e os efectivos policiais que se encargan da súa custodia de maneira que poden enviar unha mensaxe ao seu teléfono particular para avisar, por exemplo, de que o seu agresor saiu con permiso penitenciario, de cal é a duración do mesmo ou dos motivos polos que se lle concedeu”, relatou a alcaldesa.

Lara Méndez sostivo que a incorporación do Concello ao VioGén é unha boa nova, “xa que nos permite seguir incrementando os mecanismos que axudan a sumar esforzos na loita contra esta lacra. Unha tarefa na que este sistema resulta un instrumento de apoio moi importante, en tanto integra información policial, xudicial e penitenciaria e facilita a coordinación das diferentes accións emprendidas, dende calquera ámbito, para protexer ás vítimas”, concluíu.

0.1194531917572