O Concello de Lugo iniciará as obras de renovación do firme nas rúas Armórica e Mariña Española

Nos próximos días comezarán en Lugo as obras de mellora do firme nas rúas Armórica e Mariña Española, segundo informou o tenente alcalde, Rubén Arroxo. A intervención abranguerá o tramo da rúa Armórica comprendido entre o número 48 e a rúa Vicente Risco, así como o da rúa Mariña Española entre a avenida Ramón Ferreiro e a propia rúa Armórica.
Arroxo explicou que “son zonas cun firme moi desgastado e é necesario intervir para garantir a seguridade viaria, ao tempo que se avanza na instalación de elementos de calmado do tráfico e na mellora do estado dos espazos públicos”. O tenente alcalde destacou que a actuación se enmarca no plan municipal de mellora continua dos barrios e responde ás demandas veciñais detectadas durante as visitas ás distintas zonas da cidade.
Os traballos consistirán na aplicación dunha nova capa de rodadura con mestura asfáltica en quente e na posterior renovación da sinalización horizontal. Ademais, na rúa Armórica instalarase un novo elemento de calmado do tráfico para reducir a velocidade dos vehículos e favorecer a seguridade peonil.
As obras, que teñen unha duración estimada de catro días, comezarán o martes 28 de outubro. Durante a súa execución será necesario ocupar toda a calzada, incluíndo as prazas de estacionamento e os carrís de circulación das rúas afectadas, o que obrigará a cortar o tráfico rodado. O tránsito pola rúa Armórica desviarase a través das rúas Cornubia e Escocia, mentres que desde a avenida Ramón Ferreiro non se poderá acceder ao tramo en obras da rúa Mariña Española. Ademais, o acceso á rúa Fernando Esquío desde Mariña Española permanecerá pechado, polo que esta última pasará a ter dobre sentido de circulación para permitir a entrada e saída de vehículos desde Armórica.
As modificacións no tráfico estarán debidamente sinalizadas para minimizar as molestias á veciñanza. En canto aos accesos aos garaxes, o Concello garantirá o seu uso durante o maior tempo posible, salvo nos momentos en que a natureza dos traballos o impida. Nestes casos, a empresa contratada informará con antelación mediante carteis e sinais nas entradas tanto rodadas como peonís dos edificios afectados.