O Concello de Lugo insta á Xunta a buscar unha localización alternativa para a zona de baño na contorna fluvial
O Executivo de Paula Alvarellos levará ao pleno ordinario que se celebra o próximo xoves 29 unha proposición na que busca o apoio da corporación para instar á Xunta de Galicia a realizar unha prospección no río Miño, ao seu paso polo termo municipal de Lugo, para que determine en que lugar resulta viable habilitar a zona pública de baño dentro da área da cidade, segundo o seu criterio técnico. O obxectivo desta iniciativa é non perder máis tempo nin malgastar máis recursos públicos en atopar alternativas, xa que todos os informes técnicos presentados anteriormente polo Concello respaldando o proxecto na localización actual foron rexeitados pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural pese a ter dado previamente o organismo autonómico o seu beneplácito á localización vixente e dispoñer da concesión do aproveitamento. Ademais, o texto recolle que, se fora preciso, o Concello de Lugo comprométese a sufragar parcial ou totalmente o custo dos devanditos traballos.
“Dispor dunha instalación que cumpra con esta demanda social é unha prioridade do grupo municipal socialista, como acreditan todos os pasos administrativos dados desde o inicio do expediente no ano 2016, pero, a pesar da vontade política e o investimento dedicado a este fin, atopámonos coa negativa sistemática da Xunta opoñéndose a que os e as lucenses fagan uso da concesión por 25 anos que esta Administración ten autorizada no río Miño”, sinalou Miguel Fernández. “Ante a necesidade de dar resposta a esta demanda, cuxa importancia queda de sobra acreditada, este grupo quere dar unha solución eficaz a actual situación de bloqueo”, proseguiu o concelleiro de Transición Ecolóxica.
A proposta do equipo de Goberno fai referencia a toda a documentación técnica presentada polos servizos municipais con posterioridade ao 9 de novembro de 2020, cando o Concello recibiu a concesión de apertura para a instalación das piscinas flotantes. Deste xeito, refírese aos distintos estudos de presións dinámicas da piscina flotante e os documentos de verificación, tanto do calado como da velocidade, nos treitos do río propostos. Así mesmo, faise referencia ao estudo de prospección, caracterización e proposta detallada de traslado de poboacións de náiades (mexillóns de río) contratado en 2022 á empresa especializada Biosfera Consultaría Medioambiental, firma que conta cun recoñecemento a nivel nacional nesta materia, así como as súas conclusións, nas que queda acreditada a compatibilidade entre a zona de baño deseñada e as colonias de náiades.
“Esta reiterada negativa repercute na calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo, que non poden gozar de forma segura e cómoda dun dos principais patrimonios naturais dos que dispoñen os lucenses como é o río Miño”. Para eles o baño non é unicamente unha cuestión de ocio. “Esta práctica ten asociados beneficios sobre o benestar que cobran especial relevancia ante contextos ambientais como o que estamos a experimentar como consecuencia do cambio climático e que se manifestan con episodios de altas temperaturas”, concluíu Fernández.